Sarria, 04 de setembro de 2008.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou, que o balance do bipartito na comarca e na montaña lucense, logo de tres anos de goberno, non puidese ser máis decepcionante. “Estamos a falar –dixo- de ano e medio de retraso na primeira fase da autovía Nadela-Sarria, dunha ausencia de tecido empresarial na zona e dunha reducción de servizos”.
Feijóo desprazouse hoxe ata Sarria, dentro da campaña “Galicia en voz alta”, para reunirse con empresarios de sector turístico e atender as suxerencias da xente da comarca de cara a execución do programa electoral do PP de Galicia. Ademáis, con “Galicia en voz alta” pretende dar a coñecer a parálise e os retrasos dos tres anos de bipartito.
O presidente dos populares galegos visitará a totalidade das comarcas galegas é esta é a oitava comarca que visita tras Terra de Lemos, Deza, Valdeorras….. A última visita foi a Tui e a próxima será mañá a Lugo.
TRES ANOS PERDIDOS. PARALISE E ANULACIÓN.- No tocante ás infraestruturas, o presidente dos populares galegos achacou á falla de responsabilidade da Xunta o feito de que Sarria aínda non teña autovía, cando xa debería estar en servizo hai un ano, o que supón que o reequilibrio territorial do que fala Touriño é realmente un desequilibrio territorial.
Asimesmo, referiuse á parálise que sofren as obras da estrada Sarria-Becerreá, así como as de conexión de Cádavo coa autovía, a través do tramo Cádavo-Baralla e a mellora da conexión da autovía con Pedrafita.
ANULACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS.- En materia sanitaria, Feijóo subliñou que a pesar do incremento constante das listas de espera que sofre a comarca, Sanidade decidiu anular a mellora e ampliación das especialidades médicas que se prestan no PAC de Sarria, ata o punto de que, en tres anos, non se implantou nin unha soa.
No tocante á Educación, o presidente do PPdeG lembrou que os nenos do Incio, Triacastela, Samos e Baleira quedaranse sen primeiro ciclo de ESO e Sarria, a pesar da forte demanda, quedarase sen Escola de Idiomas, coa que si contan outros concellos da provincia. “Tampouco haberá –matizou- piscina climatizada, nin campo de fútbol de herba artificial nin as pistas polideportivas de O Chanto serán remodeladas”.
A mesma sorte corren tamén os maiores e grandes dependentes da zona que, ademais de seguir esperando polas residencias da terceira idade e polo centros de día na Fonsagrada, Baralla, Cervantes, Pedrafita e As Nogais, dous anos despois da aprobación da Lei de Dependencia, aínda non recibiron nin un só euro.
Feijóo puxo de manifesto, tamén, que as familias de Sarria levan esperando máis dun ano polas súa vivendas sociais que, a pesar de estar rematadas fai xa dous, a Consellería aínda non as entrega debido ao ‘colapso de traballo’ que sofre na documentación.
En relación á Xustiza, e a pesar de que a Xunta recoñeceu que Sarria é un dos partidos xudiciais máis colapsados de Galicia, os veciños terán que seguir padecendo a lentitude do sistema xudicial, xa que a Xunta négase á creación dun segundo xulgado de primeira instancia e instrucción para a comarca.
CERO METROS CADRADOS DE SOLO INDUSTRIAL.- O líder dos populares galegos referiuse tamén á falla de solo industrial que padece a comarca, de xeito que as empresas non poden crecer nin chegar novas inversións. “trás –dixo- quedan as promesas da Xunta de crear millóns de metros de solo industrial para xerar riqueza, promover novos postos de traballo e fixar poboación no rural. Tres anos despois, a Xunta deberá explicar por qué creou cero metros cadrados de solo industrial e segue sen saberse nada do polígono industrial da Fonsagrada”.
Por último, lembrou que os veciños de Ribeira de Piquín continúan coa concentración parcelaria paralizada ao igual que a construcción da presa do Muradal.