Mércores, 27 de Agosto de 2008.- O voceiro do GPP criticou, que malia a situación de crise económica na que nos atopamos, o Presidente da Deputación programe unha viaxe para setembro a Arxentina, Uruguai e Venezuela. José Manuel Barreiro lamenta o desprezo do goberno provincial “que non se priva en gastar cartos de todos, primeiro comprando un coche que custou de 17 millóns das antigas pesetas, e agora anuncia este tour por Sudamérica en vez de promover axudas para sectores como o pesqueiro e gandeiro”.
O voceiro do GPP lembrou que os deputados socialistas e nacionalistas votaron no último pleno en contra dunha moción do PP na que se presentaba un paquete de medidas entre elas a de crear un fondo específico para sectores afectados pola crise.
Barreiro afirma que non é crible a excusa de montar un programa de formación no exterior para xustificar a viaxe a Suramérica “trátase dunha disculpa, saben que hai eleccións anticipadas e van captar o voto emigrante”.
José Manuel Barreiro lamenta a despreocupación de Besteiro por axilizar a xestión da deputación “Besteiro chega de vacacións e xa ten as maletas preparadas, primeiro para dar unha volta pola expo de Zaragoza, o día cinco de setembro, e logo para viaxar na busca de votos da emigración. Conclusión: leva dous meses sen pisar a deputación, e non ten nin o mínimo reparo en deixar as cousas de casa abandonadas” .