Partido Popular de Lugo

BALSEIRO OROL: “A PARALIZACIÓN DO PLAN ACUÍCOLA TAN SÓ É A PUNTA DO ICEBERG DESTES TRES ANOS PERDIDOS PARA A PESCA EN GALICIA”

Santiago, a 26 de agosto de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, indicou hoxe en rolda de prensa que a paralización do Plan de Acuicultura, aprobado polo goberno anterior do PP, polo goberno bipartito da Xunta Galicia perdeu uns anos decisivos para garantir o seu liderazgo acuícola mundial e “tan só e a punta do iceberg destes tres anos perdidos para o sector en Galicia”.

Para Balseiro hoxe, pola contra, temos un novo mapa acuícola, que acumula oposición e alegacións (máis de 1000) que provoca gran rexeitamento social por parte dos colectivos veciñais, asociacións ecoloxistas, concellos e empresas e que configura proxectos económica e tecnicamente inviables. Ademais, a non aprobación do Plan anterior fixo perder a Galicia un investimento de 30 millóns de euros nestes tres anos en fondos europeos destinados a promover o sector en Galicia e obrigou a marcha a Portugal da maior planta acuícola do mundo, así como de outras empresas.

Segundo o voceiro popular ao traslado de  empresas a outros países (Pescanova ou Stolt Sea Farm) únese o risco de seguir perdendo inversións  polas múltiples trabas que a Consellería impón as empresas de acuicultura.

TEMPO PERDIDO PARA A PESCA EN GALICIA.- Para o voceiro de Pesca  a piques de rematar a actual lexislatura mais do 95%  das actuacións previstas no sector pesqueiro , segundo as bases programáticas postas en común por PSOE e BNG no goberno bipartito da Xunta,están por cumprir o que evidencia que estes tres anos foron “tempo perdido para a pesca en Galicia”. A “aposta polo futuro do sector como actividade económica estratéxica para Galicia” contrasta coa realidade posto que a Consellería de Pesca é quizais unha das que máis frontes ten abertos na actualidade, e unha das que está a dedicar moita menos atención por parte do Presidente da Xunta de Galicia.

Para Balseiro unha clara evidencia desta situación é que a Consellería sitúase no vagón de cola en relación cos investimentos previstos nas contas do 2008 cun crecemento do 2,6% cando o resto dos departamentos incrementan o orzamento en mais do 7%, é dicir, preto de cinco puntos menos que o crecemento global do orzamento autonómico.

MANTEMENTO DO EMPREGO NA PESCA.- Segundo José Manuel Balseiro a promesa de impulsar o mantemento da actividade pesqueira e do emprego tampouco se está a cumprir xa que como consecuencia da política de lentitude no abono de moitas axudas (para o funcionamento das confrarías, plans de rexeneración, loita contra o furtivismo, plan do polbo, toxinas, compensacións polas zonas C, etc) se está a provocar un grave prexuízo a moitos profesionais e as súas familias o que leva a desincentivar a aqueles que fan da pesca e do marisqueo a súa fonte de emprego.

Así mesmo a xestión socialista da Consellería de Pesca, que conta coa complicidade do BNG, non promoveu ningunha mellora na regulación laboral do sector, con máis protección social que favoreza o relevo xeracional. Deste xeito o sector pesqueiro “está a afrontar unha das máis graves crises en relación coa falta de resposta ás demandas de profesionais cursadas por armadores, empresas e todo tipo de organizacións” e a Xunta se nega a liderar un grupo de presión que promova unha nova regulamentación sobre tripulacións mínimas e formación marítimo pesqueira, máis axeitada ás circunstancias actuais e ás necesidades do sector”.

PERDA DE PESO NA UNIÓN EUROPEA.- Para José Manuel Balseiro a Xunta de Galicia non foi quen de defender os intereses do sector galego ante a Unión Europeo. Mostras disto son as malas decisións e peores xestións desenvolvidas con ocasión das negociacións comunitarias sobre a parada biolóxica da anchoa, a fata de reacción ante a crise que afecta ao sector da captura da pescada e do bonito ou a ausencia de axudas destinadas a recuperar o polbo (non tramitadas correctamente dende o seu inicio).

A “ineptitude” e a “falta de peso” tamén se produciu con ocasión da negociación respecto da nova normativa europea pola que se crean as zonas C, grandes áreas da nosa ría non aptas para a produción e comercialización directa do marisco, xa que a Consellería nin forzou nin pediu unha moratoria na aplicación destes regulamentos pese aos prexuízos que esta situación provoca en moitas localidades e rías galegas.

INEXISTENCIA DE POLÍTICA DE INSPECCIÓN PESQUEIRA.- Para o voceiro de Pesca do Grupo Popular o Goberno bipartito da Xunta de Galicia “pasará á historia por provocar a inexistencia da política de inspección pesqueira” afirmación apoiada desde a confrarías que ven como os furtivos campan ás súas anchas (xa non colabora a Policía Nacional adscrita a CCAA nas labores de control). 

Tampouco se está a traballar no control de contaminación ou na planificación dos mecanismos de loita contra ela, como se mostrou no caso da crise producida pola avaría do cargueiro Ostedijk ou pola falta de reacción ante as riadas de “chapapote dos montes” consecuencia dos incendios forestais que asolaron Galicia no 2006.
Balseiro tamén destacou que o Goberno galego amosa un claro desinterese por colaborar cos pósitos e coas súas Federacións negando a súa contribución como instrumentos adecuados na confección da política pesqueira. Mostra disto é que as fixeron desaparecer do proxecto de Lei de Pesca que se está a elaborar polo equipo da Consellería razón que se suma a outras moitas para xustificar a grave censura operada polo máximo órgano de representación e asesoramento do sector pesqueiro en Galicia: o Consello Galego de Pesca que, por unanimidade rexeitou o texto lexislativo proposto polo departamento de Carmen Gallego.

José Manuel Balseiro tamén destacou que, a  pesares de ter aprobado  unha denominación de orixe para o mexillón, o departamento de Carmen Gallego leva máis de ano e medio sen aprobar o regulamento que desenvolve esta marca de calidade e recoñecemento deste produto en Galicia.