Cervo, 25 de agosto de 2008.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol agradeceu a “gran acollida” que os veciños de Cervo e de Viveiro deron ao presidente autonómico desta formación política, Alberto Nuñez Feijoo e ao presidente provincial Jose Manuel Barreiro, na súa visita do pasado sábado ao Mercado tradicional de Cervo e á romaría do bo xantar no Naseiro. O dirixente do PP lucense subliñou o alto número de persoas que se achegaron ata a praza do concello de Cervo e, despois xunto co presidente rexional e provincial, ata o mercado tradicional, para saudar e dar a benvida ao futuro candidato polo PP á presidencia da Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, salientou o bo recibimento dos romeiros vivairenses ao líder popular “moitos dos cales saudaban ao presidente e lle facían chegar os seus consellos e bos desexos ante a inminencia da cita electoral das autonómicas galegas”. Balseiro cree que en ambas citas puido observarse “a aposta da sociedade mariñá polo cambio en Galicia, tras constatar o fracaso do proxecto de Goberno entre socialistas e nacionalistas”.
Para o secretario xeral do PP lucense o feito de que Alberto Núñez Feijoo escollera a Mariña como un dos puntos de partida do novo curso político amosa a importancia que para o presidente dos populares galegos ten esta comarca. Balseiro afirma que “a Mariña forma parte das prioridades do Partido Popular. De feito nesta visita quixemos darlle forma a este compromiso do noso partido cos veciños da Mariña e coas principais problemáticas e principais proxectos.”
“Nuñez Feijoo tivo a oportunidade de falar coa xente do pobo, de reunirse cos responsables do partido na Mariña, de coñecer de primeira man a situación dunha comarca na que, os tres anos de Goberno de coalición entre PSOE e BNG, foron tempo perdido”-conclúe o secretario dos populares lucenses.
PSOE E BNG PARAPÉTANSE TRAS ACTOS DE PARTIDO.- Balseiro puxo de relevo o contraste que existe entre os actos públicos que encabezan os populares galegos con respecto aos que levan a cabo socialistas e nacionalistas na Mariña. “De xeito especial destacou que cando Touriño vén á Mariña limítase a participar en actos de partido. Non se achega á xente nin pasea con liberdade polas nosas rúas. Seguramente por temor a que os veciños poidan reprocharlle os seus múltiples incumprimentos, a súa falta de compromiso coa nosa comarca”.
Balseiro Orol entende que a paralización de proxectos estratéxicos como o corredor Barreiros-Ferrol (con cero quilómetros executados no que levamos de lexislatura), as trabas á apertura do dique norte de Alcoa, a falta de vivenda pública a prezos accesibles ou o grave deterioro do sistema público de saúde na Mariña, son razóns de peso máis que suficiente para levar aos dirixentes de PSOE e BNG “a parapetarse detrás de actos de partido, e disimular a súa falta de interese pola Mariña”. O secretario xeral dos populares lembra que “hoxe a nosa comarca ten máis carencias ca no ano 2005 e recibe un 37,22% menos de investimentos procedentes da Xunta de Galicia”
A MARIÑA PROTAGONISTA.- O secretario xeral dos populares lucenses asegura que, de confirmarse o adianto electoral para o vindeiro outono, “a Mariña reflectirá este papel protagonista na proposta electoral do Partido Popular de Galicia”.