Santiago, 22 de agosto de 2008.- A voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, pediu hoxe, ao Vicepresidente da Igualdade e do Benestar que deixe por unha vez os anuncios propagandísticos e diga cántas prazas de gardería reais, ‘que non virtuais’, entrarán en funcionamento no vindeiro mes de setembro.
Neste sentido, a voceira popular recordou que Quintana fartouse de anunciar desde que chegou á Xunta de que se crearían 104 novas galescolas, con 5.746 novas prazas, cando o certo é que a programación real efectuada polo Consorcio a data de hoxe, reduce as previsións iniciais a tan só 23 galescolas e 873 prazas adicionais en toda a Comunidade.
Anuncios Quintana | Programación real Consorcio |
Centros | Prazas | Centros | Prazas | |
A Coruña | 37 | 2.173 | 6 | 352 |
Lugo | 17 | 752 | 2 | 61 |
Ourense | 18 | 949 | 5 | 163 |
Pontevedra | 32 | 1.872 | 10 | 297 |
Galicia | 104 | 5.746 | 23 | 873 |
‘Á vista dos datos –afirmou López Abella- dedúcese que a Xunta só construirá o 22% das galescolas que anunciou Anxo Quintana e que as prazas comprometidas inicialmente quedarán reducidas a tan só o 15% do total anunciado’.
COMPARECENCIA DE QUINTANA.- Diante destas cifras contradictorias, a voceira popular anunciou que o PPdeG pedirá a comparecencia no Parlamento do Vicepresidente ‘para que explique –dixo- o porqué destas diferencias e diga a verdade’.
Asimesmo, Susana López Abella afirmou que Quintana deberá comparecer no Parlamento para explicar a posibilidade de que o Goberno central cofinancie a construción de novos centros de educación infantil e primaria.
Segundo lembrou, o pasado mes de maio, Quintana reuniuse coa ministra de Educación, Mercedes Cabrera, onde ao parecer lle ofreceu un convenio de colaboración polo que ámbolos dous gobernos -central e o autonómico- financiarían a construción de novas escolas infantís. ‘En concreto -matizou- estamos a falar de 50 novos centros de educación infantil pero, a día de hoxe, deste convenio non se sabe nada’.
A LEI DE DEPENDENCIA EN PERIGO.- Por outra banda, a voceira de Igualdade lamentou que o Congreso dos Deputados rexeitase, co voto do PSOE, a petición do PP da comparecencia urxente da ministra de Educación e Política Social, para dar explicacións sobre o financiamento da Lei de Dependencia, logo de que o Goberno central anunciase recortar en arredor de 200 millóns de euros o financiamento anual previsto para desenvolver dita lei.
‘Unha vez máis –dixo- o PSOE, con Touriño á cabeza, deixa ver de que xeito defende os intereses dos máis de 100.000 dependentes galegos’.
López Abella lembrou que este recorte vai lastrar, aínda máis, o desenvolvemento da lei na nosa Comunidade, que xa acumula unha notable demora, que sitúa a Galicia en postos de cola en comparación co conxunto do Estado.
‘Estamos a falar –dixo- de que Galicia deixará de percibir, con este recorte, arredor de 10 millóns, nun esquema de financiamento que xa era insuficiente coas previsións iniciais’.
A voceira popular criticou as falsas expectativas levantadas, ata o de agora, tanto polo Goberno central como pola Xunta con prometidas prestacións para os dependentes e as súas familias.
‘Creáronse –afirmou- moitas expectativas ás persoas dependentes que, desde xaneiro de 2007, teñen dereito a unha prestación e que agora ven a incompetencia dun goberno que, enredado noutras cousas, está a poñer en perigo o desenvolvemento da lei’.
QUINTANA, SEN PALABRA.- No tocante ás últimas declaracións de Quintana para apoiar os Presupostos Xerais do Estado, López Abella mostrou a súa desconfianza de que o BNG cumpra a súa palabra.
‘Todos recordamos –dixo- cando o señor Quintana vendeu a Galicia por unha foto na Moncloa e evitou, co seu voto, a reprobación da ministra de Fomento, antepoñendo os seus intereses partidistas á dignidade e o respecto a Galicia e conseguindo que a ministra que máis despreza aos galegos siga a rirse de nós’.