Partido Popular de Lugo

O PPdeG URXE A TOURIÑO A TOMAR MEDIDAS PARA MINORAR O IMPACTO DA ACTUAL CRISE ECONÓMICA SOBRE AS PRETO DE 60.000 FAMILIAS GALEGAS COAS RENTAS MÁIS BAIXAS

Santiago, 19 de agosto  de 2008.- A voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, solicitou hoxe ao Presidente Touriño que tome medidas para tratar de atenuar o impacto da actual crise económica sobre as 57.429 persoas na nosa Comunidade que están a percibir na actualidade pensións non contributivas.  Nunha iniciativa presentada no Parlamento o Grupo Popular insta a Xunta a materializar o incremento das pensións mínimas non contributivas ata o 75% do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, que substitúe ao anteriormente denominado salario mínimo) nos próximos Presupostos da Xunta para o 2009, como paso previo para equiparar, en anos sucesivos, estas prestacións ao 100% dese indicador. 

A deputada popular criticou que o Goberno bipartito non aprobara esta iniciativa, xa presentada polo PPdeG para os presupostos do ano actual “o que amosa o verdadeiro desentendemento do goberno cos colectivos mais desfavorecidos da nosa sociedade”. Recordou que o incremento aprobado polo bipartito para estas pensións “non chega o seu importe nin para comprar unha barra de pan” . O incremento proposto polo Grupo Popular suporía unha media de 50 euros mensuais as pensións de xubilación (actualmente de 328,5 euros) e as de invalidez (actualmente de 369,6 euros).

GASTOS DE PERSOAL DO BIPARTITO.- Para Susana López Abella “a verdadeira política social da Xunta é incrementar dende que tomaron posesión un 36% o gasto en persoal de confianza, ou mesmo un 50% en gasto de asesores do Presidente da Xunta, obviando que 57.429 persoas en Galicia sobreviven con pouco máis de 300 euros ao mes”. Por elo solicitou que o incremento nas pensións non contributivas fora sufragado co aforro que suporía unha redución dos gastos de persoal do bipartito.

A deputada popular remarcou que no  actual marco de conxuntura económica negativa, cun aumento dos prezos dun 5,6% en só un ano en Galicia, tres décimas máis que en España, os primeiros afectados son as familias máis modestas, as que reciben prestacións non contributivas e por elo as súas pensións son as primeiras que teñen que ser revisadas.  

 

Para López Abella “cunha redución dun 0,5% os gastos de funcionamento da Xunta, que aumentaron neste ano un 9%, sería posible este aumento necesario para as persoas que pasan maiores dificultades na nosa Comunidade para chegar a fin de mes”.

ESTUDIO EXHAUSTIVO DOS SUBSIDIOS SOCIAIS.- Na iniciativa presentada no Parlamento o Grupo Popular solicita que se faga un estudio exhaustivo sobre os distintos subsidios sociais existentes na Comunidade a fin de determinar a natureza das prestacións económicas, a financiación, os beneficiarios, o carácter e a creación das prestacións, así como dos seus posibles complementos. 

Así mesmo se solicita a elaboración dun proxecto de modificación da Lei Galega de Medidas Básicas de Inserción Social e RISGA, para o que se creará unha comisión na que estean representados os distintos axentes sociais e partidos políticos, ao fin de fixar uns obxectivos, en materia de pensións, concretos e reais axustados a nosa Comunidade.

Na actualidade, en Galicia perciben pensións non contributivas 57.429 persoas. Delas, 4.144 son beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia, que aboa a Xunta e que, segundo unha reforma legal aprobada polo PPdeG en 2004, xa deberían estar percibindo  actualmente o equivalente ao 75% do IPREM. ´

Susana López Abella recordou que o PPdeG sempre presenta propostas en positivo como a recentemente aprobada polo Parlamento de Galicia  encamiñada a incrementar as pensións das máis de 160.000 viúvas galegas na que se aprobou a revisión da base reguladora e melloras para este colectivo.