A Mariña, 16 de agosto de 2008.- Un informe do Consello de Contas de Galicia, máximo órgano de fiscalización da administración autonómica, vén a confirmar a deficiente xestión de persoal que se está a levar a cabo no Hospital da Costa de Burela. Así o entende o Partido Popular de Galicia quen, a través do seu deputado José Manuel Balseiro, acusa á actual xerencia de “non motivar e ilusionar ao persoal”. Segundo o parlamentario mariñán estas problemáticas que están a afectar aos traballadores acaban por trasladarse ao conxunto dos usuarios do centro hospitalario, pacientes de consultas externas e enfermos hospitalizados, “que observan como tras tres anos de xestión do bipartito na Xunta a sanidade pública está a deteriorarse e, no caso concreto do centro mariñán, de xeito evidente e vertixinoso”.
AUSENCIAS.- Entre os datos máis significativos postos de relevo no informe de fiscalización, o Consello de Contas constata que durante o ano 2006 oito profesionais estiveron ausentes todos os días do ano. A isto debemos engadir que 31,1 efectivos estiveron de baixa durante todo o ano. Ademais segundo estes datos perdéronse 11.357 días por incapacidade laboral transitoria do persoal un 28,94% máis ca en 2004.
CALDO DE CULTIVO PARA AS LISTAS DE ESPERA.- Sen lugar a dúbidas –expoñen os populares- a falta de facultativos, a dificultade para cubrir determinadas ausencias e a carencia dunha política axeitada de contratación está a ser o caldo de cultivo ideal para que o hospital sito en Burela sexa un dos centros que maiores listas de espera rexistran en toda Galicia “sen que a Xunta elabore un plan de reforzo específico que permita solucionar esta problemática”.
Da análise dos datos que aparecen no informe, o Consello de Contas deduce que tanto o alto grado de absentismo como o descontrol nas licenzas e permisos laborais –que están a crecer tendencialmente nos últimos anos- prexudica á prestación efectiva do traballo que se presta no hospital. O Partido Popular entende que esta problemática non é debida a unha cuestión imputable ao propio persoal –xa que é a lei quen recoñece o dereito dos traballadores á solicitude destes permisos- senón que “os responsables son os directivos encargados de xestionar e elaborar os procedementos axeitados para outorgalos e, no seu caso, substituír ao persoal que se está a beneficiar dos mesmos”. “Son os directivos do SERGAS e a propia xerencia –conclúe o PP- os que están errando na súa xestión”.
Segundo o informe no ano 2006 computáronse 2.835 licenzas por permisos retribuídos. O Consello de Contas afirma que esta situación está a repercutir negativamente no traballo das unidades e, en definitiva, na prestación efectiva do servizo. O máximo órgano fiscalizador indica que, a este respecto, debe corrixirse a falta absoluta de procedementos e regras para a utilización destes permisos e licenzas, de tal xeito que se poida racionalizar o seu uso e promover os mecanismos necesarios para compensar estas vacantes sen que repercuta na prestación do servizo.
MAL CLIMA LABORAL.- Consello de Contas tamén afirma que “o alto grado de absentismo detectado no Hospital da Costa ten unha incidencia negativa no ambiente ou clima laboral e na propensión a un correcto desempeño e de calidade do servizo que se proveu”.
O propio informe afirma literalmente que se “fai pois imprescindible adoptar as medidas de xestión dos cadros de persoal ou de novas vinculacións e contratacións nun entorno de fiabilidade da toma de decisións, con inmediatez temporal e a un custo correcto”. Isto é o Consello de Contas “recoñece de xeito explícito que a incapacidade da xerencia no control desta situación implica un menoscabo no servizo, e un clima laboral impropio dun centro de traballo público”
O propio informe clarexa que o problema que está a crear esta situación é que o SERGAS debe soportar un maior número de gastos –de “gasto non eficiente” en palabras literais- O informe indica que o incremento nos gastos do conxunto capítulo I -cadro de persoal-, fai que moitos cartos non “poden ser destinados a outras prioridades da política sanitaria” Así por exemplo, engade o deputado popular, non se poden achegar investimentos para dedicalos á ampliación do cadro de persoal, á ampliación da propia estrutura do hospital e do seu aparcamento ou á dotación de máis e mellores servizos –como unha resonancia magnética permanente.
A SANIDADE PÚBLICA PERDE CALIDADE.- Segundo o deputado popular, o único esforzo realizado polo SERGAS no Hospital da Costa foi o de incrementar os custos en publicidade e propaganda. Todo iso para ocultar unha realidade máis que evidente: O sistema público de saúde está a perder produtividade e, con iso, está a perder a calidade nos servizos prestados aos distintos usuarios. Todo isto porque a xestión de persoal e de saúde laboral é inexistente no Servizo Galego de Saúde –conclúe Balseiro Orol.