Partido Popular de Lugo

O PP DA MARIÑA DEMANDA Á XUNTA QUE REFORCE O CADRO DE PERSOAL DO HELICÓPTERO PESCA II TAL E COMO TEN PREVISTO FACER CO PESCA I

A Mariña, 08 de agosto de 2008.- O Partido Popular da Mariña vén de pedir ao Goberno galego que dote dun segundo cadro de persoal ao helicóptero de salvamento con base no porto de Celeiro -o Pesca II- tal e como a Xunta ten previsto facer co helicóptero Pesca I con base no porto de Vigo. O devandito reforzo na tripulación desta aeronave permitirá que se dispoña de persoal suficiente para garantir gardas con tripulación presente na base durante as 24 horas do día, os 365 días ao ano, de tal xeito que se poida ofrecer unha resposta inmediata en caso de emerxencia na nosas costas. 

A través dunha moción que será debatida nos distintos concellos da comarca e tamén de Ortegal, os populares reclamarán a modificación da situación actual.  Hoxe o helicóptero do Servizo de Gardacostas de Galicia dispón dun equipo presente na base en horario de mañá, pero pola tarde e pola noite as gardas non se están a efectuar co cadro de persoal presente na base o  que “triplica o tempo de resposta ante calquera incidencia”. 

ESQUECEMENTO DA COSTA GALEGA.-  O dirixente comarcal do PP, José Manuel Balseiro Orol, critica o “esquecemento” no que o Goberno bipartito está a deixar aos servizos de salvamento e emerxencia marítima con área de influencia no litoral norte galego. Balseiro non chega a comprender as razóns polas que o reforzo anunciado pola Consellería de Pesca tan só afecta a un dos helicópteros do servizo de Salvamento competencia da Xunta de Galicia “como de seguro tampouco poderán entender os cidadáns, que a Xunta de Galicia prime a protección da vida dun mariñeiro que traballa na zona sur fronte aos profesionais que traballan no litoral norte”. 

ALTO RISCO NAS NOSAS COSTAS.- Na exposición de motivos da moción, o PP lembra que “non debemos esquecer que a zona norte de Galicia caracterízase por unha costa a mar aberto, de alto risco, e, en moitos casos, con condicións climatolóxicas adversas que aconsellan dispoñer dun servizo de emerxencias permanente. “O departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego, non pode continuar actuando a base de improvisación e con grandes doses de falta de dilixencia no desenvolvemento das súas funcións, máis ao contrario, debe promover a igualdade no acceso aos medios de emerxencia de todos os galegos, vivan onde vivan, e a súa correcta protección”-continúa o texto.

APOIO A OUTROS SERVIZOS DE EMERXENCIA.- Xunto a iso, os populares engaden que o helicóptero Pesca II non só opera ante posibles alertas por continxencias marítimas senón que, en moitas ocasións, complementa o traballo dos servizos de emerxencia ante outro tipo de sinistros que se poidan producir en terra e nos concellos do litoral da Mariña lucense e Ortegal.

COMPROMETIDOS COA MELLORA DA SEGURIDADE.- Finalmente, o PP da Mariña reitera o seu compromiso coa mellora da seguridade marítima en Galicia. “Un obxectivo no que debéramos coincidir co resto das forzas políticas galegas, así nos gustaría.  Máis a pesar de que non dubidamos da vontade de PSOE e BNG por intensificar a seguridade nas nosas costas, o bipartito obstaculiza todo intento de análise rigoroso sobre a situación actual na que se atopan os medios de salvamento que dependen da Xunta de Galicia”.