Santiago, 7 de agosto de 2008.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, criticou hoxe o “dobre discurso” do Presidente da Xunta que volve a mentir ao Parlamento e non aproba o Plan de Acuicultura no último Consello da Xunta celebrado o día 31 de xullo do 2008. Touriño anunciara no Parlamento (pleno do 14 de maio do 2008) , nunha pregunta formulada polo Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que o Consello da Xunta aprobaría antes do verán o Plan Galego de Acuicultura.
Para Balseiro con este retraso a Xunta paraliza unha rama de actividade na que Galicia era líder internacional e obriga as empresas acuícolas a mirar a outros países para as súas inversións, segundo denuncias dos propios afectados.
O retraso no Plan de Acuicultura pode ser provocado, segundo o voceiro de Pesca, polas numerosas alegacións presentadas, máis de 1000 , e o gran rexeitamento social que provoca tanto por parte dos colectivos veciñais, asociacións ecoloxistas, concellos e empresas do sector.
PERDA DE 30 MILLÓNS DE EUROS EN 3 ANOS .- Segundo o voceiro de Pesca a anulación do Plan de acuicultura da Xunta do PP fixo perden un investimento de 30 millóns de euros nestes 3 anos en fondos europeos destinados a promover o sector en Galicia, pola interrupción dos proxectos que estaban pendentes e obrigou ao traslado a Portugal da maior planta acuícola do mundo.
Así mesmo, indica Balseiro, esta anulación entorpeceu numerosas oportunidades para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en moitas áreas do litoral e da costa galega.
DOBRE DISCURSO.- Balseiro critica o ambigüidade da Xunta neste tema “xa que anuncia a bombo e platillo accións que logo non leva a cabo, primeiro a Conselleira de Pesca indicou que o Plan estaría aprobado no 2007, logo foron as declaracións do Director Xeral de Pesca e agora é o Presidente da Xunta o que minte ao Parlamento asegurando unha data que non cumpre”.
Para o voceiro popular “xa estamos afeitos a ese dobre discurso da Xunta “ pero o que realmente nos preocupa é o parón que provoca no sector”. Pide aos membros da Xunta que “baixen do seu pedestal e empecen a dialogar co sector e a arranxar os problemas en vez de afundir mais ao sector”.