Santiago, 7 de agosto de 2008.- O deputado do Grupo Popular Agustín Baamonde Díaz fixo hoxe en rolda de prensa unha valoración do último informe do Valedor do Pobo correspondente ao ano 2007 que supón “un serio tirón de orellas” ao Goberno bipartito da Xunta de Galicia, cun incremento nas queixas dun 26,32% ao respecto do ano anterior. Aumento que é a tónica xeral dende a toma de posesión do actual goberno xa que no 2006 habían incrementado nun 37,89%. “O meu paisano Blanco dicidíu adiantar as eleccións galegas vista a mala xestión do bipartito da Xunta de Galicia tralo informe do Valedor” indicou Baamonde Díaz.
Esta diferenza no número de queixas presentadas ven a supoñer, segundo o deputado popular, que os cidadáns están menos satisfeitos co funcionamento das administracións públicas durante o presente mandato do Presidente Touriño que nos anos anteriores (puxo como exemplo o incremento do 7,12% no ano 2004 co goberno do PP).
TOURIÑO NON DIRIXE BEN O SEU GOBERNO.- Os departamentos autonómicos que mais insatisfacción xeran aos galegos son os de Educación, Política Territorial e Medio Ambiente, coincidente, segundo indicou Baamonde Díaz, coa área de goberno socialista. Para Agustín Baamonde “o señor Touriño non só non dirixe ben o seu goberno, porque parte do mesmo depende do señor Quintana, é que ademais dirixe especialmente mal as súas Consellerías”.
Deste xeito, obras públicas e expropiacións lidera as áreas públicas con maior número de queixas seguido da Administración económica, comunicacións e novas tecnoloxías, sendo a terceira área de peor funcionamento Medio Ambiente. Esto amosa claramente, indicou Agustín Baamonde, que as administracións públicas actuais non saben nin xerar nin xestionar as infraestruturas e as tecnoloxías, nin tampouco teñen verdadeira sensibilidade medio ambiental.
DEMORAS NA XUSTIZA E GRAVES PROBLEMAS NA SANIDADE.- A demora na xustiza agrupa o 94% das queixas nesta área poñendo de manifesto, segundo o propio informe, “a incapacidade da Administración de Xustiza, na forma en que esta desenvolvida neste momento, para facer efectivo o dereito á tutela xudicial efectiva”. Segundo Agustín Baamonde o propio informe señala como remedio a esta situación a necesidade de adaptación da planta xudicial, á necesidade de maior dotación de xuíces, persoal e medios e pecha facendo unha chamada a un “esforzo investidor” para superar os problemas da Xustiza.
Polo que respecta a Sanidade, Agustín Baamonde indicou que o informe alerta de que non está ben resolto o tema da coordinación entre a atención primaria e especializada e incide no grave problema que supón a lista de espera. Estas listas afectan a todas a especialidades que atenden á saúde das mulleres e das persoas maiores, manifestándose unha discriminación en eses colectivos, e non se presentan como uniformes en todos os centros.
No informe o Valedor do Pobo fai referencia á necesidade “dunha vontade política de mellora en xestión de centros hospitalarios” o que ben a ser , segundo o deputado popular, un varapalo a actual xestión da área sanitaria da Xunta de Galicia.
EXPROPIACIÓNS E URBANISMO.- Segundo o deputado popular o informe é un correctivo á Consellería de Política Territorial, á que responsabiliza pola “insuficiente resposta de retraso no cobro das indemnizacións por expropiación”. Así mesmo fai unha chamada de atención á Consellería de Vivenda sobre o realoxamento de familias ás que se lles expropia a vivenda, sobre a ocupación desas vivendas antes de pagar un prezo xusto e a necesidade de intervención de organismos alleos á consellería na fixación do prezo.
Ao respecto do urbanismo a censura máis grave do informe fai referencia á pasividade da administración tanto na execución como na tramitación de expedientes, que pode chegar a provocar a prescrición de infraccións e sensación de impunidade.