Partido Popular de Lugo

O PPdeG PIDE EXPLICACIÓNS NO PARLAMENTO SOBRE O VOLUME DE PEIXE PANGA IMPORTADO POR GALICIA E SOBRE OS CONTROIS SANITARIOS AOS QUE FOI SOMETIDO

Santiago, 30 de xullo de 2008.- O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro Orol, rexistrou no Parlamento diferentes iniciativas para reclamar que a Xunta ofreza explicacións inmediatas sobre o volume de peixe panga importado por Galicia nos últimos anos e aclare por qué chegaron ao mercado lotes con axentes patóxenos.

O peixe panga,  unha especie de acuicultura de baixa calidade nutritiva, cultívase no contaminado río Mekong, en Vietnam, e saltou á actualidade despois de que o Instituto de Investigacións Mariñas alertase sobre a presenza de contaminantes no delta no que se produce. Posteriormente, o laboratorio de referencia de Anfaco-Cecopesca confirmou a presenza de patóxenos en diferentes lotes comercializados. 

Ante estas evidencias, xa denunciadas hai varias semanas polo presidente do PPdeG, que alertara de que este peixe se ofertaba nos menús escolares malia as dúbidas sanitarias que suscitaba, o Grupo Popular activou unha batería de iniciativas parlamentarias para forzar ás conselleiras  de Pesca, de Sanidade e de Educación para que expliquen as actuacións levadas a cabo polo seus respectivos departamentos.

¿LAXITUDE NA REALIZACIÓN DE CONTROIS?.- A presenza de peixe de dubidosa salubridade no mercado leva a Balseiro Orol a reclamar unha estratexia de “luz e taquígrafos” da Administración autonómica, ante a posibilidade de que a Xunta teña incorrido nalgún tipo de neglixencia  derivada dunha hipotética laxitude na realización de controis sobre o peixe de importación. 

Para superar este episodio, o PPdeG esixe que a Xunta poña en marcha análises estritas de todas as partidas de peixe de importación que se comercialicen en Galicia e reclama que a Administración autonómica vele tamén porque todos os produtos postos á venda estean correctamente etiquetados, para que o consumidor poda identificar con claridade a procedencia de cada lote. 

Unha das razóns da crise pesqueira que mantivo amarrados a postos aos barcos galegos durante varias semanas reside precisamente –como ten denunciado o sector- nas importacións masivas de peixe foráneo que inunda os mercados locais sen superar, en moitas ocasións os controis necesarios, xa non só de tipo sanitario, senón tamén no referido ás tallas e outras variables.