A Mariña, 12 de xullo de 2008.- O Partido Popular de Galicia (PPdeG), a través do seu deputado José Manuel Balseiro, presentou unha iniciativa no Parlamento co obxecto de coñecer cal foi o funcionamento do operativo de salvamento posto en marcha o pasado xoves tras o afundimento lancha Tu dirás preto de Ribadeo. Balseiro Orol responsable da área de Pesca no Grupo Parlamentario Popular quere saber se, tras recibir a chamada de emerxencia dun particular que desde a costa advertiu que unha embarcación foise a pique con dous tripulantes a bordo, a Xunta de Galicia puxo en marcha todo o operativo de rescate dispoñible, tal e como sería lóxico e, de xeito especial o operativo por vía aérea e marítima.
Segundo as primeiras informacións tan só participaron medios de emerxencia por vía terrestre o que puido supoñer un fallo grave que, de non explicarse convenientemente, suporía un novo factor de risco para integridade física daqueles pescadores que se vexan involucrados nun sinistro destas características.
DESCRICIÓN DO OPERATIVO DE RESCATE.- Balseiro pregunta cantas embarcacións participaron no operativo de emerxencia posto en marcha co obxecto de rescatar aos tripulantes da embarcación “Tu dirás”, que pescaban polbo fronte as rochas de Piñeira, a que organismos pertencen estes medios e, máis en concreto, se participaron o helicóptero de salvamento Pesca II e a embarcación de salvamento con base no porto de Celeiro Punta Roncadoira ou, incluso, algunha outra que desenvolva a súa actividade na costa lucense. Os populares teñen especial interese en que se explique se, tal e como apareceu na prensa, se os pescadores chegaron a nado ata a costa de Ribadeo e foron alí recollidos por un vehículo privado e, polo tanto se, tal e como parece, en ningún momento contaron co apoio ou co auxilio dos medios de salvamento.
FALLOS NOS SERVIZOS DE EMERXENCIAS.- Jose Manuel Balseiro lembra que en diversas ocasións producíronse fallos nos operativos de emerxencia e rescate desenvolvidos polo Servizo de Gardacostas de Galicia sen que a Consellería de Pesca faga nada por estudar estes erros e corrixilos. Así por exemplo lembra as dúbidas que a día de hoxe existen respecto das labores de rescate do buque Cordero, ou as relativas a falta de operatividade da embarcación Punta Roncadoira que o servizo de Gardacostas ten situada en Celeiro e que permaneceu amarrada con ocasión do afundimento da lancha “Sombriza”.
Balseiro subliña a profesionalidade e o bo facer dos traballadores deste servizo mais critica aos dirixentes e responsables da Consellería de Pesca “que non fan nada por diminuír as deficiencias detectadas no funcionamento dos helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galicia, nin nas embarcacións e medios de salvamento marítimo de emerxencia dependentes da administración autonómica”. O voceiro de Pesca do PPdeG subliña que, en moitos casos, estas embarcacións “permanecen amarradas en porto, sen saír a desenvolver o seu traballo, como sería lóxico, ante unha chamada de emerxencia”.
SATISFACCIÓN POLO RESULTADO POSITIVO DO SINISTRO.- Finalmente, o deputado popular amosa a súa satisfacción porque os dous pescadores mariñáns que se viron involucrados nestes sinistro puideran salvar as súas vidas. Neste senso, quixo trasladar aos mariñeiros e ás súas familias o cariño, o apoio e a complicidade de todos aqueles traballadores que desenvolven a súa actividade no mar. A este respecto o deputado do PPdeG asegurou que este un sentimento de ledicia, polo final positivo do sinistro, “é de seguro compartido por todos os veciños da Mariña en xeral”.