Partido Popular de Lugo

O PPdeG pide o cumprimento do acordo parlamentario que propón que as pensións de viuvedade pasen do 52 ao 70% da base reguladora dos soldos

Chantada, 11 de xullo de 2008.- Susana López Abella, afirmou  que a Xunta non recoñece a crise que están a sufrir milleiros de galegos e galegas, salientou que, mentres o PPdeG está preocupado pola mala marcha da economía, “o Goberno compórtase como se estas cifras lle desen alerxia” e  “non está sendo capaz de poñer en marcha medidas de contención para afrontar a situación”. 

López Abella lembrou que as últimas novas falan da redución das posibilidades de aforro dos galegos e da conseguinte perda de poder adquisitivo das familias e dos colectivos máis sensibles como son as viúvas, concretamente en Chantada viven actualmente 791 viúvas e 201 viúvos, mentres que en Carballedo 300 viúvas e 84 viúvos e no que respecta o Concello de Taboada 92 viúvos e 382 viúvas,

A situación actual afecta aos sectores máis debilitados da sociedade, como son os pensionistas ou as viúvas. Neste senso, afirmou que as pensións “son un dereito dos traballadores” polo que a Parlamentaria Chantadina “considera unha necesidade dignificar a calidade de vida daqueles que reciben menos de 500 euros ao mes”.

Así, un viúvo ou viúva da nosa Comarca cobra 86.16 euros menos que un do resto de España, unha diferenza que fai necesario “renovar e impulsar o Pacto de Toledo para alcanzar o consenso de todos e buscar un sistema de pensións que avance na contributividade e permita aumentar as pensións mínimas”.

MEDIDAS DO PP APROBADAS POLO GOBERNO.- Susana López Abella aplaude a aprobación, por parte do Parlamento aínda que con un so voto dos grupos que sustentan a acción do goberno, da proposta do PPG para mellorar a calidade de vida deste colectivo, aínda que insistiu en que as medidas deben “poñerse en marcha de inmediato”.

Entre elas, figura a activación das prestacións sociais mínimas a través dunha pensión non contributiva para fillos de mulleres viúvas, o fomento do tecido asociativo deste colectivo, ou o seu acceso á formación.

No que respecta ás peticións que dende a Xunta se deben facer ao Goberno Central figura a mellora na porcentaxe de cálculo da pensión de viuvedade, dende o 52% ate o 70%, ou a integración da Federación galega de Viúvas na mesa de negociación en materia de pensións do Pacto de Toledo.