Partido Popular de Lugo

OS POPULARES FELICÍTANSE POLA RECTIFICACIÓN DA XUNTA QUE MANTERÁ A XORNADA PARTIDA NO COLEXIO ´SAN ROQUE´ DE VIVEIRO

A Mariña, 10 de xullo de 2008.- O Partido Popular de Galicia (PPdeG), a través do seu deputado José Manuel  Balseiro Orol, felicítase porque a Xunta de Galicia mudara a súa posición de inmobilismo inicial e acordara manter o horario de xornada partida no colexio de educación infantil “San Roque” de Viveiro. Os responsables da Consellería de Educación decidiron implantar a xornada única no centro vivairense sen ter en conta a opinión da comunidade escolar -nais, pais de alumnos e claustro de profesores- .

Esta imposición do departamento que dirixe a socialista Laura Sánchez Piñón contou co rexeitamento dos deputados autonómicos Manuela López Besteiro e José Manuel Balseiro Orol, así como tamén dos dirixentes do PP de Viveiro, encabezados por César Aja, e polo voceiro municipal, Guillermo Leal. Os populares lamentaban que a Xunta de Galicia non tivera en conta a opinión dos pais e criticaban que a medida unilateral adoptada polo departamento autonómico de educación dera lugar a consecuencias negativas tanto desde o punto de vista do mantemento dun sistema máis óptimo para a conciliación da vida familiar e laboral como tamén desde o punto de vista pedagóxico, xa que nenos de entre 3 e 6 anos viríanse sometidos a uns horarios excesivos -máis de cinco horas seguidas de clase – que poderían dar lugar a grandes trastornos.

SEGUIMENTO EXHAUSTIVO.- Os populares subliñan que é intención do seu Grupo Parlamentario facer un exhaustivo seguimento do que está a acontecer neste centro educativo, que pasará a albergar alumnos procedentes das escolas unitarias de Landrove e Xunqueira, suprimidas por Educación. Verificarán o cumprimento dos acordos acadados coa representación dos pais e nais de alumnos desde a Delegación provincial desta consellería, así como tamén a prestación óptima e gratuíta do servizo de transporte.

Os populares manteñen o seu convencemento de que a Consellería de Educación está a adoptar este tipo de decisións tan inxustificables co único obxectivo de aforrarse un cartos en materia de transporte escolar. Segundo o PPdeG, a Xunta bipartita fai “limosneo e regateo” en servizos tan esenciais como os que garanten o acceso á educación pública, “mentres que malgastan cartos e esforzos noutras facetas moitos máis discutibles como en materia de publicidade e propaganda”.

COMEDOR ESCOLAR GRATUÍTO.- Os representantes do PPdeG insisten na necesidade de desenvolver os esforzos necesarios para reducir ao máximo os prexuízos que se lles poden causar a uns nenos de tan temperá idade polos reaxustes horarios impostos pola Consellería de Educación neste centro, tras a supresión das escolas unitarias de Viveiro. Neste senso emprazan ao departamento autonómico que dirixe a socialistas Laura Sánchez Piñón a estudar a posibilidade de ofertar un comedor gratuíto coma hai no centro Lois Tobío.

Finalmente, o PPdeG lembra que os cambios nos horarios e xornadas escolares, segundo o establecido nunha orde publicada recentemente pola propia Consellería de Educación, esixe unha serie de requisitos. Así, no caso da implantación da xornada única estase a esixir previa consulta aos pais, que deben estar de acordo con esta medida al menos nun 58%.