Partido Popular de Lugo

O PP CONSIDERA UN INSULTO PARA A MARIÑA QUE DENDE A DEPUTACIÓN SE DÉ AS COSTAS Ó SECTOR PRIMARIO

Burela, a 9 de xullo de 2008.- Os deputados provinciais do Partido Popular pola Mariña, José María González Barcia, José Manuel Yanes Ginzo e Guillermo Leal Arias, acompañados de alcaldes e portavoces do partido en distintos concellos da Mariña, así como a senadora María del Carmen Gueimunde, afirmaron hoxe en rolda de prensa que “a comarca da Mariña non existiu no primeiro ano de goberno de José Ramón Gómez Besteiro ó fronte da Deputación”.

“Está suficientemente demostrado que o actual bigoberno provincial é ineficaz e inoperante e non cumpre, ademais, os seus compromisos”, engadiron. 

Os populares criticaron con dureza que o Presidente da administración provincial tente xustificar “a súa vagancia” aludindo a que aínda é pronto para facer balance. Lémbranlle neste senso que un ano é a cuarta parte da lexislatura “e tempo suficiente para fixar as liñas de actuación que se van a seguir”.

Para os deputados provincias do PP, un dos eixos básicos do que ía ser a súa acción de goberno, a colaboración cos concellos, non se tén producido: hai obras paralizadas en prácticamente todos os concellos da Mariña. Algo que os populares lamentaron, “máis tendo en conta que estas actuacións deberían conlevar un maior esforzo inversor en concellos con pouca capacidade económica co fin de axudar a crear e consolidar o seu tecido socioeconomico”. 

Algúns dos “proxectos paralizados” ós que fixeron alusión foron os parques empresariais de Trabada e Burela ou obras viarias con proxecto xa aprobado en O Vicedo, Cervo, Riotorto, Barreiros, A Pontenova.

No que se refire a outro dos aspectos ó que fixo referencia Gómez Besteiro hai un ano, no seu discurso de investidura, o da proximidade á cidadanía, dende o PP consideran que “a campaña de autobombo deseñada baixo o nome de Km0 está moi ben, pero non é máis que unha campaña de exaltación do ego dunha persoa que está a usar a Deputación como plataforma de lanzamento dentro do PSOE”. 

Para o PP, se realmente se pretende que a Deputación esté próxima ós cidadáns, deben axilizarse os trámites para abonar as subvencions dos planos de colaboración coas comunidades veciñais, acelerar os procesos de expropiación pendentes, acelerar a concesión de autorizacións para actuar en fincas propiedade de particulares lindantes con outra da Deputación, entre outras actuacións.

No que atinxe á transparencia e neutralidade anunciada por Gómez Besteiro tampouco se cumpriu, dado que, de entrada, nin sequera se reuniu con todos os alcaldes como aseguraba hai un ano que ía facer. “A estas alturas de 2008, aínda non se reuniu cos mandatarios de O Vicedo, Xove, Alfoz, Ourol, Ribadeo e Riotorto. Unha cousa curiosa porque catro concellos son do PP e dous do BNG; en cambio, semella que se reuniu con todos os alcaldes do PSOE”, recalcaron os populares, ó tempo que lembraron que aínda seguen agardando a que se convoque a tamén anunciada conferencia provincial de alcaldes.

NULO APOIO Á COMARCA.- Outro aspecto, “e este é o máis relevante deste primeiro ano de bigoberno da Deputación no que atinxe á nosa comarca”, salientaron dende o PP, “é precisamente a preocupación especial que, segundo dixo, ía ter pola ela, comprometéndose a dar un trato especial os sectores productivos básicos coma son a pesca e sector agrogandeiro. E a verdade é que o grado de compromiso de Gómez Besteiro coa Mariña, explicitado no apoio a ambos sectores, é un insulto á comarca por parte dunha persoa que presume de coñecela ben”. Dende o PP fixeron un relatorio das “ocasións nas que Besteiro deulle as costas á Mariña”:

–         Nula aposta polo sector pesqueiro, xa que Besteiro, Lara Méndez e Melchor Roel votaron en contra, xunto co BNG de Antón Veiga, dunha moción presentada polo PP para  garantir os prezos do bonito e da merluza.

–         Nula aposta polo sector primario no seu conxunto, para buscar medidas que palien o impacto do prezo dos carburantes, establecer planos estratéxicos de desenvolvemento, etc., xa que Besteiro, Lara Méndez e Melchor Roel tamén votaron en contra, xunto co BNG, da moción presentada polo PP a este respecto.

–         Nula aposta pola axilización dos prazos da vía de alta capacidade San Cibrao-Ferrol, xa que Besteiro e os deputados do bigoberno pola Mariña, Méndez, Roel e Veiga, tamén votaron en contra.

–         Nula aposta polo desenvolvemento turístico, xa que Besteiro négase a levar a cabo calquer actuación para mellorar o tráfico no entorno da praia das Catedrais e nas de Barreiros, cando a competencia da estrada é da Deputación.

–         Nula aposta pola creación de novo chan industrial, dado que os parques empresariais de Trabada e Burela están paralizados.

Para os representantes populares da Mariña é “un misterio” cal é o papel de Lara Méndez e Melchor Roel na Deputación. “Non cabe dúbida de que a Sra. Méndez está a ter unha boa promoción política cos cartos de todos, pero o seu traballo é nulo, como nula é a súa defensa dos intereses de Cervo, e en situación semellante se atopa o Sr. Roel”. 

“Estas dúas persoas votan en contra dos intereses da Mariña, e por riba faltan moito ás Xuntas de Goberno, o que non é moi entendible”, engadiron.

MOCIÓNS.-  O PP tamén explicou que dun total de 20 mocións presentadas polos populares nos dez plenos ordinarios celebrados hasta agora, catro desas mocións tiñan relación directa coa Mariña: apertura do dique norte de Alcoa, apoio ó sector pesqueiro para fixar prezos do bonito e merluza, apoio ó sector pesqueiro para garantir o seu futuro, e axilización dos prazos da vía de alta capacidade San Cibrao-Ferrol.

Das 18 preguntas presentadas, tamén varias se refiren concretamente ou en xeral á Mariña: aportación da Deputación ós Grumir, uso de maquinaria da Deputación en vías privadas, promoción turística da Mariña pola Deputación, etc. 

Para o PP, non hai dúbida de que existe un bigoberno, que non un goberno de coalición. “Neste caso, hai un pacto de goberno que se basea  na non intromisión duns nas áreas dos outros, co que estamos ante compartimentos estancos que non teñen relación entre sí”.

O que sí é certo, din os populares, é que se nota máis axilidade nas áreas gobernadas polo BNG, pero esto vén sendo habitual en todos os concellos onde hai establecido un bigoberno, e a Deputación non é allea, ainda que as tiranteces entre uns socios e os outros son máis ca evidentes. Como tamén son evidentes as discrepancias internas entre os propios socialistas, e que no grupo do BNG en realidade son dous máis unha.

En definitiva, para o PP, “o socialismo simpático de Besteiro e o seu beunismo, xunto coa parafernalia mediática que o rodea, non teñen resolto nada nin para a provincia nin para a Mariña. Foi un ano perdido”.

REPLICA A BESTEIRO.- Os deputados provincias populares tamén lle recomendaron a   Besteiro que “non se preocupe polo Partido Popular senón polo conxunto dos cidadáns da provincia de Lugo que están preocupados pola ineficacia da administración provincial e polo feito de que haxa un presidente que non preside”.

Dende o PP reiteran que durante o seu primeiro ano de goberno deberían ter arrancado, cando menos, algunhas cousas, pero “foron moi poucas as que se puxeron en marcha”.

Recalcan asimesmo que se considera que é pronto para facer balance, “é pronto para todos, polo que non é moi lóxico que el loara o que considera os seus logros a semana pasada sen ningún rubor e agora, ante as críticas recibidas, alegue que leva transcurrido pouco tempo de goberno”. 

“Dende o PP fixemos balanzo do noso traballo e tamén do traballo do equipo de goberno porque é tempo de facelo. Os cidadáns, ademais, queren saber, e teñen dereito a elo, qué fan os seus representantes”, concluiron.