Partido Popular de Lugo

O PPdeG PROPÓN A CREACIÓN DUNHA COMISIÓN ESPECÍFICA NO PARLAMENTO DE GALICIA QUE ELABORE UN PLAN DE FUTURO PARA A PESCA GALEGA

Santiago, 6 de xullo de 2008.- A ausencia de medidas concretas de apoio ao sector pesqueiro galego que lle permitan superar a peor crise da súa historia recente levou ao Grupo Parlamentario Popular a solicitar a creación, no seo da Cámara galega, dunha comisión ad hoc que analice a situación actual e elabore un plan que garanta a viabilidade e relanzamento do sector a longo prazo. A proposta vén de ser rexistrada polo PPdeG coa intención de que sexa incluída na orde do día da próxima reunión da Mesa e Xunta de Portavoces da Cámara autonómica.

 

Esta alternativa, elaborada polos integrantes da Comisión de Pesca do Grupo Parlamentario Popular e consensuada con diferentes representantes do sector, xurde despois de constatar a ausencia de medidas de carácter autonómico e estatal, pero tamén despois de comprobar que tampouco o recente Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea adoptou medidas que vaian ter resultados inmediatos. 

O PPdeG entende que as propostas para superar a crise non só teñen que xurdir das institucións comunitarias, na medida en que tanto os Executivos galego como o central poden adoptar medidas de emerxencia que, como fixo Francia, poden contribuír a paliar os momentos difíciles que atravesa a pesca galega.

 

 

ANTECEDENTES.- O voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, recorda que o anterior Executivo galego ofrece exemplos de traballo conxunto de todos os grupos con representación parlamentaria, con propostas unánimes e unha defensa conxunta ante as institucións europeas e as representacións permanentes dos estados membros da UE.

 

 

É o caso do documento elaborado no ano 2002 coa postura galega ante a reforma da política pesqueira común, consensuado no Parlamento e que, posteriormente, foi presentado ante as institución comunitarias polo entón conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, e polos daquela voceiros de Pesca do BNG e do PSOE, Bieito Lobeira e Carme Gallego, respectivamente.

 

 

Por iso, Balseiro Orol, considera que con independencia da batería de propostas xa formuladas polo PPdeG para superar esta crise –que foron rexeitadas por PSOE e BNG no Parlamento de Galicia- urxe buscar solucións alternativas a medio e longo prazo que xurdan do consenso dos axentes políticos, sociais e económicos.

 

 

TRABALLADORES, EMPRESARIOS E CIENTÍFICOS DEBEN SER ESCOITADOS.- Deste xeito, o PPdeG propón que, nesa comisión ad hoc que solicita crear no Parlamento de Galicia, podan comparecer e explicar a súa visión e efectuar propostas representantes de sindicatos, asociacións de armadores, da industria de transformación de produtos da pesca, do sector naval, das entidades  financeiras ou de calquera outra organización  vinculada dun xeito ou doutro ao sector pesqueiro. 

Nesta liña, o Grupo Popular propón que con carácter previo se escoite e convoque para participar nesa comisión ás entidades científicas e departamentos das universidades galegas que contan con liñas de investigación relacionadas co mar, ben sexa no ámbito da oceanografía, do dereito ou da economía. 

Unha vez efectuadas as comparecencias e elaborado o documento de propostas para o Plan galego para pesca, o Grupo Popular considera que debería ser presentado en Madrid e en Bruxelas por unha delegación mixta Xunta-Parlamento, como xa se ten feito no pasado.