Santiago, 2 de xullo de 2008.- A conselleira Carmen Gallego negouse a aceptar, no último período de sesións, unha solicitude de comparecencia na Comisión de Pesca do Parlamento para explicar qué medidas se dispón a poñer en marcha ese departamento para facer fronte á crise que mantivo amarrada a porto durante varias semanas ao conxunto da flota galega.
O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, formulou unha solicitude de comparecencia da conselleira coa esperanza de que ofrecese esas explicacións na Cámara antes de finalizar o actual período de sesións, pero Carmen Gallego mantívose fiel á estratexia de “escapar do Parlamento” tratando de evitar que a súa xestión poda ser fiscalizada polo grupo político maioritario de Galicia.
Balseiro Orol interpreta que esta nova negativa a comparecer derívase da ausencia de medidas concretas da Xunta para facer fronte á crise, xa que os únicos anuncios efectuados ata o de agora corresponden a decisións da Comisión Europea, despois dun proceso liderado polos Gobernos francés, italiano e portugués que permitirán multiplicar por 10 o volume das axudas ás que poderá acceder cada barco.
O voceiro de Pesca do Grupo Popular estima que despois dos sucesos das últimas semanas, Carmen Gallego ten acumulado razóns abondo como para non sentirse especialmente satisfeita da súa xestión. O último episodio da sucesión de feitos desafortunados foi a revelación de que nos colexios galegos se consumiu panga durante o curso que acaba de rematar.
Como se sabe, o panga é un peixe de auga doce procedente maioritariamente de Vietnam, onde se cultiva en granxas flotantes no río Mekong. As persoas que traballan na produción deste peixe fano nun réxime de semiescravitude. O engorde do peixe fórzase ata multiplicar por catro ou por cinco o seu ciclo natural, empregando para iso diferentes produtos, sen descartar a soia modificada xeneticamente.