Santiago, 1 de xullo de 2008.- O prometido xiro social do Goberno bipartito e a aposta polas medidas de conciliación da vida laboral e familiar fan augas con decisións como a de reducir o número de nenos que poderán acceder ao servizo de comedor escolar de balde no vindeiro curso escolar. É unha reflexión da voceira de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, en relación coa orde que regula o funcionamento dos comedores escolares para o curso 2008-2009 que establece restricións que deixarán fora deste servizo a milleiros de nenos ao aplicar criterios economicistas para a selección dos beneficiarios.
Á vista deste novo recorte, López Besteiro pregunta a Pérez Touriño que foi da súa prometida aposta polas políticas sociais, nun momento de crise económica no que continúan sendo necesarias medidas de conciliación para facilitar a integración laboral das nais e país dos nenos en idade escolar.
A voceira de Educación do Grupo Popular acusa á Consellería que dirixe Laura Sánchez Piñon de efectuar un intento de “engano masivo” aos pais ao cambiar os criterios de admisión de beneficiarios de comedores escolares dos que poderían quedar excluídos miles de nenos que ata o de agora disfrutaban desa prestación.
OS FRISO DESMINTEN O DISCURSO OFICIAL.- López Besteiro agrega, nesta liña, que “os feitos desminten ao discurso oficial e demostran que a gratuidade total non existe na Consellería de Educación: a gratuidade non é tal en materia de libros de texto, xa que son prestados e non cobren todos os volumes necesarios, e a gratuidade deixará de existir para milleiros de alumnos que deixarán de ter acceso a esta prestación”.
A voceira de Educación do Grupo Popular recorda que a xestión desenvolvida por Sánchez Piñón acumula unha larga nómina de conflitos sen resolver. Como exemplo, o PPdeG recorda a supresión do segundo ciclo da ESO nunha ducia de concellos do interior de Galicia, o que ten suscitado protestas xeneralizadas dos pais e que aínda se manteñen, como acontece en Abadín cos cortes de tráfico que se suceden cada domingo; o recorte de persoal que Educación vai implantar no programa Preescolar na Casa, e que motivou a recente presentación de máis de 22.000 sinaturas de protestas; a tensión xerada a raíz da publicación do decreto do bacharelato; ou o descontento suscitado entre a comunidade educativa pola decisión de contratar a unha empresa, cun gasto de 800.000 euros, para xestionar o programa de préstamo de libros de texto que, na práctica, non resolve os problemas plantexados e se limita a incrementar a carga burocrática que soportan colexios e librerías.