Foz, a 1 de xullo de 2008.- O Presidente provincial do Partido Popular José Manuel Barreiro anunciou esta tarde que proporá ó Comité de garantías e conflictos do partido a expulsión da edil de Foz Luisa Prieto Fanego, despois de que non asistira ó pleno celebrado o pasado luns neste concello, o que propiciou a aprobación dos orzamentos municipais para este ano.
Barreiro fixo este anuncio tras a reunión mantida na sede do Partido Popular de Foz para abordar este asunto cos catro concelleiros do Grupo municipal popular, incluida a propia Luisa Prieto, e na que tamén participou o Secretario xeral da formación José Manuel Balseiro.
Segundo asegurou o presidente dos populares lucense, Prieto non ofreceu ningunha explicación sobre a súa actitude polo que, ademais de poñer en coñecemento do Comité de garantías a situación para que tome medidas ó respecto, instou á edila a renunciar a súa acta de concelleira porque, segundo recalcou, acadouna concurrindo nas listas do Partido Popular.
Barreiro fixo fincapé en que Luisa Prieto rachou a disciplina de partido, dado que na reunión mantida a pasada semana polo Grupo municipal popular para valorar os orzamentos municipais e na que se decidiu rexeitalos, non amosou en ningún momento a súa discrepancia coa decisión adoptada. “Non asistir ó pleno e non aportar ningunha xustificación por elo é”, o seu enteder, “moi grave”.
O Presidente provincial do PP tamén asegurou que non descartan solicitar a convocatoria do pacto antitransfugismo para que investigue o acontecido.