Partido Popular de Lugo

A XUNTA TRATA DE AGOCHAR A SÚA INCOMPETENCIA PARA FACER FRONTE Á CRISE DA PESCA LANZANDO DESCUALIFICACIÓNS CONTRA O GRUPO POPULAR

Santiago, 30 de xuño de 2008.- O Parlamento de Galicia volveu ser escenario, na mañá de hoxe, dun novo episodio da estratexia coa que o Goberno bipartito pretende neutralizar á Cámara autonómica. En lugar de  responder á primeira das preguntas formuladas polo voceiro de Pesca do Grupo Popular na Comisión 8ª, o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, dedicouse a lanzar todo tipo de descualificacións e imputacións infundadas contra o PPdeG.

Estes feitos levaron aos deputados populares a abandonar a sesión en sinal de protesta contra a actitude do director xeral, pero tamén contra a do presidente da Comisión de Pesca, o socialista Modesto Pose, que en lugar de reprender a actitude do comparecente, expulsou ao voceiro de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro.

Coa actitude escenificada esta mañá, a Xunta busca agochar a súa incompetencia para facer fronte á peor crise dos sector pesqueiro dos últimos 25 anos. En lugar de dar explicacións sobre as xestións efectuadas e sobre as solucións que a Xunta vai poñer a disposición do sector, o director xeral de Estruturas e Mercados efectuou afirmacións despectivas e acusacións infundadas contra os deputados populares.

PETICIÓN DE CESE.- Ante a gravidade das acusacións vertidas polo director xeral, os deputados do Grupo Popular optaron por abandonar a Comisión de Pesca en sinal de protesta. Como primeira medida, o Grupo Popular presentará unha protesta formal ante a Presidencia do Parlamento de Galicia por considerar que a actitude exhibida polo director xeral atenda contra a dignidade da Cámara, feito polo que o PPdeG solicita o cese inmediato do comparecente. 

Os populares galegos lamentan tamén a actitude mantida polo presidente da Comisión de Pesca do Parlamento, o deputado socialista Modesto Pose, que co seu beneplácito, permitiu que o comparecente atentase contra a dignidade da Cámara. 

José Manuel Balseiro, portavoz de Pesca do Grupo Popular, entende que os feitos desta mañá poñen de manifesto que, para o Goberno bipartito, o  Parlamento é unha institución incómoda e, por iso, pretenden neutralizala a toda costa.