Partido Popular de Lugo

BALSEIRO CRITICA QUE SANIDADE REDUZA O 11% DAS CAMAS DISPOÑIBLES NO HOSPITAL DA COSTA NA ÉPOCA ESTIVAL

A Mariña, 28 de xuño de 2008.- Durante os meses de verán o Hospital da Costa reducirá nun 10,79% as súas camas dispoñibles. Segundo os datos feitos públicos polo departamento que dirixe a socialista María José Rubio Vidal, das 139 camas actualmente dispoñibles no centro hospitalario mariñán 15 serán pechadas polo que non poderán ser empregadas para o ingreso de novos pacientes ou polos usuarios que as precisen para facer probas diagnósticas. 

O deputado popular José Manuel Balseiro critica este recorte e alerta ante a posibilidade de que “se produzan colapsos que abunden no deterioro da calidade asistencial que se está a sufrir o Hospital da Costa nestes últimos anos”. O deputado popular non entende como é posible que, precisamente na época estival na que, pola presenza de turistas máis se incrementa a poboación na comarca, a Consellería de Sanidade decida acometer unha rebaixa desta magnitude.  

Balseiro recorda que algúns concellos costeiros como os de Foz, Viveiro, Barreiros ou a localidade cervense de San Ciprián duplican a súa poboación nestes meses de verán “polo que previsiblemente haberá un aumento da demanda hospitalaria”

OS ARGUMENTOS DE SANIDADE NON CONVENCEN AO PP.- A Consellería de Sanidade xustifica o peche do número de camas dispoñibles nos hospitais galegos porque nestes períodos coinciden a maior parte das vacacións do persoal sanitario e se produce un descenso no número de patoloxías. Pero estes argumentos non convencen aos populares posto que entenden que “á hora de impoñer este tipo de recortes tamén hai que valorar outros factores como é o incremento de poboación e, polo tanto, da demanda dos servizos que se prestan no hospital”. 

Balseiro Orol afirma que os datos poden ser aínda máis negativos, se temos en conta que a época estival é, por definición, o período no que habitualmente se realizan as obras e reparacións nos centros hospitalarios “co que a incidencia sobre o funcionamento correcto do Hospital da Costa, pode ser aínda maior, cos consecuentes prexuízos para todos os seus potenciais usuarios”.

A isto, o deputado popular engade, que este verán, o SERGAS “non poderá dispoñer dunha nova promoción de médicos MIR para as substitucións, xa que se ten ampliada a súa formación de tres a catro anos, de xeito que os que tiñan que terminar a súa residencia no 2008 non poderán aínda titularse”.

REFORZO DO CADRO DE PERSOAL.- O Partido Popular de Galicia reclama á Consellería de Sanidade un estudo rigoroso de todos os factores que poden influír nas necesidades de camas do Hospital da Costa, co obxecto de reconsiderar, no seu caso, a redución dun 10% deste servizo no presente ano. 

Balseiro Orol propón que o Servizo Galego de Saúde desenvolva un esforzo maior para, canto menos, “compensar as vacacións de gran parte do cadro de persoal do centro con novas incorporacións de facultativos, enfermeiros e persoal de apoio aos servizos” de tal xeito “que non se vexan afectadas aquelas áreas que maior saturación poidan ter”.

Os populares lembran que existen instrumentos eficaces para evitar este tipo de problemáticas “a través de substitución para a cobertura das vacantes”.

Como conclusión, o deputado popular demandou á Consellería de Sanidade “prudencia e sensatez”, para que en todo momento poida garantirse a seguridade e a calidade asistencial dos doentes”.