Partido Popular de Lugo

A XUNTA EMPECÍNASE NO SEU FAVORITISMO POLÍTICO E MANTÉN A UN EDIL SOCIALISTA DE O VICEDO NUNHA PRAZA DA DELEGACIÓN DE PESCA PESE Á CENSURA DA XUSTIZA

Santiago, 27 de xuño de 2008.- A Xunta de Galicia empecínase na súa estratexia de favorecer politicamente a un edil socialista no Vicedo, ao mantelo nunha praza da Delegación de Pesca en Celeiro, a pesar da censura da xustiza. O xulgado contencioso administrativo número dous de Santiago de Compostela ven a dar a razón ás denuncias efectuadas polo PPdeG, ao recoñecer que a cobertura dun posto vacante na Delegación Territorial da Consellería de Pesca en Celeiro, por parte do portavoz socialista no Concello do Vicedo, realizouse de xeito “contrario a dereito”.

Sobre esta cuestión preguntou hoxe o deputado popular José Manuel Balseiro no seo da Comisión Institucional da Cámara galega. Alí, o secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel Ángel López, confirmou que a día de hoxe o seu departamento mantén ao discutido funcionario neste posto en comisión de servizos, incluso prorrogando a súa permanencia neste posto de traballo a pesares de ter unha sentenza desfavorable. Todo iso porque desde o departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego interpuxeron un recurso contra o devandito pronunciamento xudicial por non estar conforme co seu contido.

 

 

CHIRINGUITO DO PSOE.- Balseiro Orol critica que a Xunta de Galicia “non rectifique no seu erro” e continúe coa vontade de converter a Delegación Territorial da Consellería de Pesca nun “chiringuito ao servizo do Partido Socialista”, esquecendo que se trata da Administración e que alí o acceso do seu persoal debe garantir de xeito escrupuloso os principios de mérito e capacidade. 

Balseiro lembrou que tamén outro edil socialista está a traballar nesta Delegación Territorial da Consellería de Pesca en Celeiro, neste caso na xefatura do servizo de Estruturas e Mercados de Pesca, “e todo iso pese a que tamén era un funcionario doutro departamento autonómico, neste caso de Medio Rural”

 

 

PESCA ACUMULA DESPEDIMENTOS POLÍTICOS.- Finalmente o deputado mariñán do PPdeG e voceiro de pesca desta formación política no Parlamento de Galicia engadiu que o departamento autonómico que dirixe a Carmen Gallego acumula múltiples sentenzas na súa contra, en virtude da política de xestión de persoal. “Convén recordar os 30 despedimentos políticos do ex persoal de ADELGA, a Axencia Galega de Desenvolvemento do Litoral, quen cesaron dos seus contratos de xeito improcedente, segundo está ratificando a Xustiza”.