Santiago, 25 de xuño de 2008.- A voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, criticou hoxe no Parlamento de Galicia a decisión da Xunta de trasladar o Centro de Atención Temperá de Lugo, sen contar coa opinión dos pais, e a desmembración do mesmo coa conseguinte repercusión negativa para a atención dos mais de 40 nenos e nenas usuarios do Centro.
Segundo López Abella o que fixo a Xunta foi distribuír os profesionais adscritos, que estaban ubicados nunhas dependencias que compartían co departamento de avaliación de discapacidade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en tres lugares diferentes. Así o fisioterapeuta e o terapeuta ocupacional están en locais de Pousa, nunhas dependencias inaxeitadas, ó igual que a logopeda, que comparte consulta cun traumatólogo. O médico rehabilitador pasa consulta en inspección médica e o psicomotricista está de baixa dende que lle comunicaron o traslado sen que teña substituto.
A NOVA POLÍTICA DO BENESTAR É DESMEMBRAR O CENTRO.- Susana López Abella criticou que o novo modelo de políticas para as persoas con discapacidade, tan reiterado pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia, consiste neste caso en desmembrar e non dar servicios axeitados o que conleva consecuencias moi graves para os usuarios dos mesmos. Así indicou que hai un servicio deficiente de autobuses adaptados para poder acudir ás consultas xa que o que ten parada pretodo Polusa pasa cada catro horas cando o lóxico é que o fixera, cando menos, cada hora.
Para a voceira popular “esta segmentación comezou a finais do 2007 e non contempla, por exemplo, nin un tempo nin un espacio para que os diferentes especialistas se reúnan para poñer en común a información que teñan sobre cada paciente e valores a súa evolución”. E esta situación, segundo indicaron os propios pais dos nenos afectados, podería alongarse xa que as previsións mais optimistas indican que o novo hospital onde finalmente se ubicará este centro non rematarán ata dentro dun ano e medio e as realistas indican que non o farán antes de tres.
SERVICIO DISCRIMINATORIO EN LUGO.- Susana López Abella indicou que os propios proxenitores denunciaron que Lugo está sendo discriminado con respecto a outras provincias no que respeta a este servicio. Así a composición do equipo de Atención Temperá de Lugo é insuficiente, xa que non inclúe asistente social, psicólogo infantil ou foniatra. Así mesmo os pacientes lucentes non teñen acceso a determinadas terapias complementarias, tendo que desprazarse a Unidade de Atención Temperá de A Coruña, por exemplo para as consultas de Neuropediatria, ou ó Hospital Clínico de Santiago .
Outra das discriminacións indicada pola voceira popular fai referencia ó número de sesións as que pode acudir cada neno xa que mentres en Pontevedra poden acudir cinco días á semana e en calquera das outras unidades de Atención Temperá están garantidas cando menos dúas sesións semanais, en Lugo, dende que se iniciou a desmembración do servicio, hai nenos que pasaron de dúas sesións a só unha á semana.
Na súa intervención parlamentaria o voceira de Igualdade do PPdeG demandou explicacións por unha decisión negativa para os usuarios do propio servizo e as súas familias e a pronta resolución dunha nova ubicación que reúna as condicións necesarias para que os profesionais podan desenvolver xuntos o seu traballo de asistencia aos nenos e nenas e que estes non sufran os inconvintes da situación actual.