Partido Popular de Lugo

O PARLAMENTO APROBA UNHA PROPOSTA PARA INCREMENTAR AS PENSIÓNS DAS VIÚVAS, DEFENDIDA POLO PPDEG A PARTIR DAS DEMANDAS DUN COLECTIVO DE 160.000 GALEGAS

Santiago, 25 de xuño de 2008.- O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mediodía unha proposición non de lei do PPdeG encamiñada a articular unha dobre estratexia para mellorar a calidade de vida e incrementar as pensións das máis de 160.000 viúvas galegas, que perciben unha paga media de tan só 430 euros mensuais.

 

 

A aprobación da iniciativa foi posible cos 37 votos dos deputados do Grupo Popular que, nesta ocasión, contaron co apoio da presidenta do Parlamento de Galicia. 

Entre o colectivo de viúvas, a peor situación é a das mulleres de máis de 80 anos; con pensións medias de 390 euros para as de idades comprendidas entre os 80 e os 84 anos; e de 348 euros para as viúvas que superan os 85 anos. 

PENSIÓNS PARA OS FILLOS.- Para contribuír a superar as carencias deste colectivo, a voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, propoñía que a Xunta, no marco das súas competencias, facilite pensións non contributivas aos fillos de mulleres viúvas ata que estes podan incorporarse ao mercado laboral. 

Paralelamente, o Grupo Popular tamén propugna que a Administración autonómica fomente o tecido asociativo das mulleres viúvas (a Federación de Viúvas de Galicia agrupa actualmente a 14 asociacións de toda a Comunidade Autónoma); e facilite  a formación e o acceso á información e aos recursos dispoñibles para contribuír á reconstrución  da autonomía persoal das persoas integradas nas distintas asociacións de viúvas.

 

 

 

A xuízo da deputada popular, a Xunta tamén debería instar ao Goberno central a que, no marco do Pacto de Toledo, e coa participación de todos os axentes económicos e sociais e das forzas políticas, se propoña unha mellora na porcentaxe de cálculo da pensión de viudedade, para pasar do 52% ao 70% da base reguladora. Nesta liña, o PPdeG considera que os colectivos integrados na Federación de Viúvas de Galicia deberían contar con representación nas mesas de negociación que se podan establecer. 

Esta iniciativa do Grupo Popular xurdiu a raíz da recente celebración do congreso da Federación Galega de Viúvas, no que se volveron poñer de manifesto as reclamacións efectuadas por este colectivo ao Goberno sen que, ata o de agora, teñan obtido resposta satisfactoria.