Partido Popular de Lugo

O PPdeG AMÓSASE DISPOSTO A APOIAR A LEI DA PAISAXE A CAMBIO DE QUE A XUNTA A DOTE DE CONTIDO E HABILITE O FINANCIAMENTO NECESARIO PARA FACELA EFECTIVA

Santiago, 24 de xuño de 2008.- O Grupo Parlamentario Popular amosouse hoxe disposto a apoiar o proxecto de lei da paisaxe, promovido po lo bipartito, a cambio de que a Xunta dote á norma de contido e habilite os créditos necesario para financiar a súa aplicación alí onde sexa necesario. Foi a proposta formulada polo portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, que se topou coa negativa de PSOE e BNG, o que provocou o voto en contra do PPdeG, por considerar que se trata dunha lei escasamente ambiciosa e que dificilmente vai cumprir os seus obxectivos por carecer de instrumentos acaídos. Multiplicará, iso si, a burocracia e as trabas ás que terán que enfrontarse veciños e concellos das áreas afectadas.

 

 

Castiñeira Broz cuestionou tamén ás presas coas que o Executivo bipartito tramitou este proxecto de lei no Parlamento, saltándose os prazos regulamentarios e con unha única reunión do relatorio encargado de discutir o contido do texto legal.  

Para o deputado popular, as présas do Goberno por promulgar leis baleiras de contido que utiliza para engrosar as súas estatísticas de produción lexislativa contrasta co desinterese que amosa noutros aspectos, como a regulación efectiva do voto emigrante, para que se poda emitir en urna con todas as garantías de transparencia democrática. Neste caso, e a pesar das promesas de transparencia, a Xunta deixou pasar tres anos evitando regular o voto en urna e, polo tanto, asegurar a limpeza dos galegos do exterior.

 

 

Na súa intervención, Jaime Castiñeira recordou que o Grupo Popular de Galicia formulou 41 emendas diferentes ao proxecto de lei de protección da paisaxe para tratar de corrixir algunhas das carencias que presenta esta norma.

 

 

O PPdeG –dixo- aposta por unha lei da paisaxe que contemple a realidade da xente que vive nas zonas que van ser obxecto de elevada protección e cuestiona que a Xunta non habilite medidas económicas para financiar as obrigas ás que se van  ter que someter os veciños, en moitos casos de idade avanzada e escasa capacidade económica.

 

 

NECESIDADE DE MEMORIA ECONÓMICA.- Para superar esta carencia, o PPdeG pide que a lei sexa dotada dunha memoria económica e que fixe no seu texto axudas directas para a conservación dos predios e das construcións tradicionais sometidas ao réxime de máxima protección, dadas as limitacións e condicionamentos que se van derivar desa norma.

 

Castiñeira Broz explicou que o PPdeG está favor dunha lei da paisaxe máis ambiciosa, xa que debería contemplar non só a protección ambiental desde unha óptica intervencionista, senón que tamén debería incidir na recuperación de contornos degradados, porque “paisaxe é todo”, desde ás áreas rurais do interior, ata as zonas  urbanas, periurbanas ou litorais.

Os populares consideran que tal medida debe efectuarse a través dunha norma acaída á realidade de Galicia e non copiando os aspectos negativos da lei catalana, como fixo o Goberno bipartito. Por iso, avogan por un enfoque integral da cuestión, abordando aspectos relacionados coa protección, ordenación e xestión paisaxística que debería quedar encadrada na Consellería de Política Territorial, en lugar da de Medio Ambiente, como vai suceder.  

 

 

MÁIS BUROCRACIA.- Asignar as competencias de protección da paisaxe a Política Territorial evitaría a carga burocrática adicional que implicará o proxecto a debate e permitiría que cando unha persoa solicita unha licenza de obra poda efectuar todos os trámites nas oficinas municipais, cuios técnicos poderían informar simultaneamente sobre os cumprimento da normativa urbanística e paisaxística. Pola contra, salvo que se remedie no trámite parlamentario, cando entre en vigor a lei da paisaxe, á licenza urbanística haberá que engadir a declaración de impacto paisaxístico, que require unha tramitación paralela.

 

 

Por iso, o PPdeG considera que o acertado sería incorporar a regulación da paisaxe na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal para que, despois, sexan os propios concellos, ao conceder a licenza de calquera tipo de proxecto, os que acredite no cumprimento da normativa.

 

 

Paralelamente, nos municipios que carezan de PXOM ou non o teñan actualizado, a regulación podería facerse a través das directrices da paisaxe. Unha vez aprobado ese documento, o control paisaxístico sería encomendado aos concellos. A proposta do PPdeG, insistiu Castiñeira Broz, permitiría aforrar xestións administrativos, reducindo a burocracia e acurtando os prazos de tramitación de calquera proxecto.

 

 

TAMÉN RECUPERACIÓN  PAISAXÍSTICA.- Castiñeira Broz apuntou que o PPdeG considera que a protección paisaxística debe efectuarse desde unha visión máis ambiciosa, que inclúa tamén a recuperación dos espazos degradados no medio rural, pero tamén nos contornos urbanos, periurbanos e mariños.