Lugo, a 23 de xuño de 2008.- O Grupo provincial do Partido Popular preguntará no pleno da Deputación que se celebrará mañá se ten elaborado xa unha memoria, coa correspondente valoración económica, das deficiencias que hai que subsanar no hospital San Rafael, en qué consistirán e cales son os prazos de execución que teñen previsto para acomentelas.
Os populares lembran na súa pregunta que no mes de setembro de 2007 responsables políticos da Deputación manifestaron que o Hospital de San Rafael presentaba serias deficiencias estructurais, coma buratos nos teitos, aseos sen arranxar, etc., pero que se saiba, no período de tempo que leva transcurrido, só se procedeu a entroncar o centro sanitario coa rede pública de subministro de auga do concello de Castro.
O GPPP tamén se interesará por saber se a Deputación ten tomada algunha decisión sobre a posibilidade de cubrir durante tres meses a contratación dos Grumir nos concellos ós que lle foi xa confirmado este servicio por parte da Xunta.
Dende o PP lembran que a Xunta de Galicia, a través do Plano de Cooperación, concedeu a subvención pertinente para que os concellos que en 2007 contaban con este servicio poidan seguir dispoñendo del durante este ano, aínda que só durante nove meses, polo que consideran axeitado que a administración provincial se encargue de cubrir o trimestre restante.
O GPPP tamén presetou un rogo para que no vindeiro ano se adiante o proceso administrativo de contratación dos traballos de rozado das vías provinciais, e a sinatura de convenios cos concellos que o soliciten, de xeito que as estrada de competencia provincial estean debidamente desbrozadas e en condicións antes do 15 de xuño do 2009.