Partido Popular de Lugo

A XUNTA ACTÚA DE MALA FE E RETRASOU DELIBERADAMENTE A APROBACIÓN DO DECRETO DO BACHARELATO PARA EVITAR NOVAS MOBILIZACIÓS DA COMUNIDADE EDUCATIVA

Santiago, 21 de xuño de 2008.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, acusou hoxe á Xunta de actuar de mala fe e retrasar deliberadamente a aprobación do decreto que regula as ensinanzas de Bacharelato en Galicia –recibiu o visto e prace do Consello o pasado xoves, pero aínda non foi publicado no DOG- para tratar de evitar  unha nova ondada  de mobilizacións.

índa que o borrador de decreto foi informado pola Mesa Sectorial de Educación do pasado 3 de abril, a Xunta retrasou a súa aprobación ata o día anterior ao remate do curso escolar para evitar posibles protestas e mobilizacións, tanto por parte dos pais dos alumnos que serán vítimas dun recorte da calidade e do nivel de esixencia no bacharelato, como dos profesores que non comparten o recorte operado na carga lectiva de materias troncais, como filosofía ou historia, e rexeita na laxitude introducida para facilitar que os estudantes pasen de curso con materias suspensas. De feito, o decreto aprobado o pasado xoves permite que os alumnos podan pasar de primeiro a segundo de bacharelato con ata catro materias pendentes. López Besteiro alerta que esta laxitude se traducirá nun novo deterioro xeneralizado da formación global dos alumnos ao remate dos seus estudos, e acabará tendo efectos negativos sobre o conxunto a sociedade. 

ENMASCARAR O FRACASO EDUCATIVO.- Para a voceira de Educación do Grupo Popular, a flexibilización dos criterios para que os alumnos pasen de curso obedece a unha manobra da Xunta para enmascarar o xa elevado fracaso escolar que se rexistra na actualidade, posto que un dos criterios utilizados para medir esta variable é o número de alumnos que repiten curso, como sucede co Informe Pisa, que xa na súa última edición deixou en evidencia as notables carencias de Galicia neste ámbito. 

López Besteiro apunta que, ademais dos efectos sinalados, a aprobación tardía do decreto que regula as ensinanzas do bacharelato en Galicia ten outros afectos adversos sobre o funcionamento dos centros que, a día de hoxe, e co curso rematado, continúan sen coñecer a versión última da norma. Isto obrigou aos claustros a confeccionar os horarios dos profesores para o próximo curso sen coñecer as esixencias do novo modelo.

POTENCIAR AS MATERIAS TRONCAIS.- Fronte á deriva iniciada pola Consellería de Educación, a deputada popular insistiu na necesidade de potenciar as materias troncais, como matemáticas, historia, filosofía ou lingua, que quedan reducidas, na maior parte dos casos, a dúas horas semanais. Pola contra, o Goberno bipartito potencia asignaturas como Ciencias para o Mundo Contemporáneo, deseñada inicialmente para cultivar o pensamento científico, pero que na práctica vai ser impartida polo profesorado de letras.

López Besteiro recorreu á Declaración de París de 1995, asumida pola Unesco, para explicar as razóns que se agochan detrás da decisión da Xunta de reducir a carga horaria de filosofía, que quedará finalmente limitada a dúas horas semanais. “A filosofía non lle interesa a este Goberno porque contribúe a formar o pensamento crítico e a forxar a liberdade individual”, explicou.

CONSELLEIRA NEGADA PARA O DIÁLOGO.- A deputada popular atribuíu esta situación  á “xestión nefasta e tardía” da actual conselleira de Educación, que nos tres anos que leva no cargo aínda non foi capaz de remitir unha soa Lei ao Parlamento de Galicia. Cuestionou tamén a “nula capacidade de diálogo” de Laura Sánchez Piñón, que se nega a recibir aos colectivos que discrepan da súa política, como os pais dos alumnos afectados pola supresión do segundo ciclo da ESO en diferentes concellos do interior de Galicia ou o persoal docente que se opón aos novos contidos do bacharelato.

O BIPARTITO DA AS COSTAS AO MEDIO RURAL.- López Besteiro aproveitou a rolda de prensa de hoxe para cuestionar a actitude do Goberno bipartito respecto ao medio rural, onde, paulatinamente, está a suprimir servizos e equipamentos educativos.

Apuntou como exemplo a recente decisión de suprimir 18 escolas unitarias, malia que a Xunta mantén, desde hai tres anos, un discurso oficial no que aposta por incrementar os servizos na Galicia interior para fixar poboación. 

A xuízo de López Besteiro, os feitos demostran que o Executivo fai xustamente o contrario, como se demostra coa supresión destas 18 escolas unitarias e coa eliminación do segundo ciclo da ESO tamén nos concellos rurais. A deputada popular apelou á sensatez da conselleira e pediulle que aproveite o verán para reflexionar sobre as consecuencias destas medidas.