Begonte, a 20 de xuño de 2008.- “O estado no que se atopa o Cinturón Comarcal ó seu paso polo municipio de Begonte é lamentable e un exemplo máis do estado no que se atopan as vías provinciais neste municipio e no resto da provincia”. Así o explicou hoxe o voceiro adxunto do Grupo Provincial do Partido Popular José María González Barcia durante unha rolda de prensa celebrada ó carón dos baches existentes nesta estrada, que comunica a N-VI coa N-541, xunto cos concelleiros do GMP de Begonte José Ulla e Luis Luaña.
![]() |
Para Barcia, a falla de mantemento da que son obxecto as estradas de competencia da Deputación resulta “inxustificable” e instou “unha vez máis” ó Presidente Besteiro “a que actúe e dé solución urxente ó abandono na que se atopan os viais provinciais”.
O voceiro adxunto dos populares no pazo provincial adiantou que a súa formación política “seguirá a denunciar casos semellantes a éste, que demostran a falla de interese e de traballo dos responsables da Deputación” e insistiu en que se Gómez Besteiro ten “verdadeiro interese en solucionar esta situación, debe asumir o control da área de Vías e Obras e do parque móbil provincial para axilizar os procesos de mantemento das estradas de competencia provincial”.
Barcia recalca asimesmo que “aínda nada se sabe do posible traspaso de estradas á Xunta, pese a que hai meses anunciouse que se realizaría en breve un estudio ó respecto. Dez meses despois, como xa nos teñen acostumados con outros asuntos, nada se sabe, e témome que nin sequera haxa nada feito.
González Barcia tamén amosou a súa “sospeita” de que tampouco se cumpla o prazo para que as estradas provinciais estén desbrozadas na data indicada, fixada para o vindeiro 15 de xullo, “dado que os pliegos de condicións para a súa execución aínda foron aprobados a semana pasada en Xunta de Goberno”.
Para os populares, todo esto demostra a lentitude e ausencia de traballo político no que está sumida a Deputación que, segundo salientaron, “repercute negativamente na calidade de vida dos cidadáns da provincia”.
INICIATIVAS NO CONCELLO.- José Ulla, pola súa banda, lembrou que o grupo popular presentou o pasado 10 de decembro un rogo no pleno municipal no que daban conta da situación na que se atopa este tramo de estrada, concretamente entre os PK 67-67.500 e PK 69 ata a intersección coa estrada LU 541 (Rabade-Vilalba) e instaba ós responsables municipais a esixir á Deputación unha solución.
Dado que dende aquela non se adoptou ningunha medida, o pasado 15 de maio o presentaron unha moción na que facían referencia, segundo explicou Ulla, “a que nun tramo de pouco máis de medio quilómetro contabilizábanse 17 baches con máis dun metro de diámetro”.
Pese as iniciativas do PP e o feito de que esta situación provoca a queixa dos veciños e dos conductores xa que esta estrada, segundo salientou o voceiro popular de Begonte, ten gran densidade de tráfico, incluidos camións de gran tonelaxe dada a proximidade do polígono industrial, “non se fixo nada nin por parte do Concello nin da Deputación para arranxala”.