Partido Popular de Lugo

O GPPP PIDE QUE SE FIXEN OS PRAZOS PARA A CHEGADA DA ALTA VELOCIDADE A GALICIA

Lugo, a 18 de xuño de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular solicitará o respaldo do  pleno da Deputación para que esta institución inste ó Ministerio de Fomento a fixar prazos concretos para a chegada da Alta Velocidade a Galicia, segundo manifestou hoxe o voceiro dos populares en San Marcos José Manuel Barreiro durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado polo portavoz adxunto José María González Barcia. 

Con este fin, o GPPP presentará unha moción na Deputación, segundo anunciou José Manuel Barreiro, quen considera que a Deputación “ten a obriga” de pronunciarse “de xeito inequívoco” a este respecto “dado que a alta velocidade é unha infraestructura fundamental para o futuro da nosa  provincia e de Galicia”. “Se a Deputación exerce como concello de concellos”, engadiu, “é bo que solicite, demande e esixa aquelo que é beneficioso para o conxunto da provincia”. 

Polo tanto, tendo en conta que o 22 de xuño de 2004 o Congreso dos Deputados aprobou uns prazos para a finalización de tódolos tramos de Alta Velocidade en Galicia que non se van a cumplir e que hai uns días a ministra de Fomento non se atreveu a fixar datas, o GPPP considera “procedente e necesario” que a institución provincial demande que o Goberno temporalice o remate das obras. 

Barreiro lembrou neste senso que o AVE galego estaba incluido no Plano Galicia diseñado polo Partido Popular, que posteriormente o goberno socialista recortou considerablemente. Fixo referencia asimesmo a que, na súa calidade de senador, recentemente tamén presentou unha moción similar na Cámara Alta para “acadar dunha vez por todas arrincar ó Goberno central un compromiso firme co AVE galego”. 

O GPPP, segundo anunciou o voceiro popular, tamén presentará unha moción na Deputación pola que se solicita a elaboración dun Plano de Igualdade entre os homes e as mulleres que abranga ata o ano 2011 e que continúe a senda iniciada pola Xunta do PP en 1992, e seguida por varios concellos da provincia. 

A redacción deste documento por parte da Deputación pode servir despois, segundo salientou Barreiro, de guía de traballo para os demais concellos que non contan con el. 

Os populares consideran incluso que a Deputación debe ir “aínda máis lonxe”. Así, ademais de dar exemplo, e dado que hai concellos con moi poucos recursos e que non dispoñen do persoal axeitado, dende o PP consideran que a administración provincial debe prestarlles axuda para que, aqueles que así o desexen, elaboren o seu propio plano de igualdade.  

Con este obxectivo, dende o PP proporase que nos orzamentos de 2009, 2010 e 2011 se fixe unha partida coas contías pertinentes para “asegurar que os planos de igualdade se leven realmente á práctica e non queden en mero papel mollado”. 

“Se todos estamos convencidos de que este tipo de documentos son útiles para acadar a igualdade real, tamén entre todos temos que poñer os medios para que se redacten e se apliquen”, engadiu José Manuel Barreiro.