Partido Popular de Lugo

SOCIALISTAS E NACIONALISTAS IMPIDEN QUE PROSPERE UNHA INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA SUPRIMIR O POLÍGONO DE MEREXO DO PLAN GALEGO DE ACUICULTURA

Santiago, 16 de xuño de 2008.- O voto conxunto dos deputados do PSOE e do BNG impediu esta mañá no Parlamento que prosperase unha iniciativa do PPdeG dirixida a suprimir o polígono de Merexo do Plan Galego de Acuicultura. Aconteceu na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia, ao debater unha proposición non de lei promovida polos deputados populares José Manuel Balseiro e Carlos Negreira. 

TOTAL DISPARATE.- O voceiro de asuntos marítimos do PPdeG, José Manuel Balseiro, defendeu que reservar máis de 270.000 metros cadrados no termo municipal de Muxía para ampliar a granxa de cría e engorde de peixe que existe nesta localidade “é un total disparate que hipotecará o futuro do pobo de Merexo, non respecta a alta oposición xurdida entre un voluminoso grupo de veciños da localidade, e colisiona coa necesidade de garantir a correcta protección dunha paraxe de grande interese medioambiental”. 

O deputado popular lembrou que o valor paisaxístico da zona afectada pola futura granxa acuícola ten o seu reflexo nos informes manexados polas distintas organizacións ecoloxistas e veciñais, e que foron incorporados nas alegacións presentadas contra este plan. Neste sentido, o voceiro popular puxo de relevo que o proxecto de ampliación “carece dun rigoroso estudo de impacto ambiental e, polo tanto, dunha valoración axeitada do dano que o plan do bipartito traerá para o  ecosistema desta localidade”.

PSOE e BNG DESPREZAN O DESCONTENTO SOCIAL.- Xunto a iso, o PPdeG subliñou que tanto socialistas como nacionalistas desoíron, coa toma de posición desta mañá, a alta oposición veciñal e social acadada en contra do establecemento dun novo polígono acuícola en Merexo. Desprezaron o millar de sinaturas recollidas polos veciños na súa contra, así como os argumentos empregados por estes. Entre eles, Balseiro Orol destaca que, de levarse a cabo o plan do PSOE e do BNG estarase a hipotecar o futuro do pobo de Merexo. 

O BNG POSICIONOUSE EN FAVOR DO PLAN ACUÍCOLA.- Balseiro criticou con especial contundencia aos deputados do BNG que, unha vez máis, situaron ao seu grupo a favor do proxecto acuícola elaborado pola Consellería de Pesca que dirixe a socialista Carmen Gallego. 

Balseiro Orol non comprende o que cualificou como “dobre discurso dos nacionalistas”e, de xeito especial do deputado Bieito Lobeira, que no seu día amosou o seu apoio aos que reclaman a supresión do polígono de Merexo, mentres que hoxe, pola contra, desde Santiago, impiden levar a cabo esta supresión. 

Os populares lembraron que o voto favorable do BNG, sumado ao do PPdeG obrigaría á Consellería de Pesca a rexeitar o Plan Galego de Acuicultura, algo que non foi posible porque os nacionalistas sempre se están a pregar ao que se lles di desde o PSOE.  

O debate foi seguido desde as dependencias do Grupo Popular no Parlamento por un grupo de veciños de Merexo, afectados directamente polo Plan Acuícola que auspicia o Goberno bipartito.