Partido Popular de Lugo

GALICIA NON DISPÓN DE ÁREAS DE REINSTALACIÓN DE MOLUSCOS PROCEDENTES DE ZONAS C MALIA QUE SERVIRÍAN COMO ALTERNATIVA Á ACTUAL PROHIBICIÓN E COMERCIALIZACIÓN DESTES MARISCOS

Santiago, 16 de xuño de 2008.-  O director xeral do Instituto para o Control do Medio Mariño de Galicia, Xosé Manuel Romarís Pais, afirmou hoxe, na Comisión de Pesca da Cámara autonómica, en resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentario Popular, que Galicia non dispón de ningunha área de reinstalación de moluscos, tal e como establece a normativa vixente e, malia que a súa existencia,  permitiría a comercialización dos mariscos procedentes de áreas de produción catalogadas como zonas C con totais garantías de depuración e de idoneidade para o seu consumo. 

O Grupo Popular  non comprende as razóns polas que o Goberno galego non promoveu a posta en marcha destas áreas de reinstalación marisqueira, de tal xeito que poidan servir de alternativa á actual prohibición de comercialización que afecta aos mariscos procedentes de zonas C, e que “condena ao paro e á inactividade a moitas persoas traballadoras do sector marisqueiro”. 

ALTERNATIVA CONTEMPLADA NA NORMATIVA EUROPEA.- A Unión Europea, a través dos seus regulamentos, prohibiu a omercialización directa dos mariscos procedentes daquelas áreas de produción -rías, praias, estuarios- catalogadas microbioloxicamente como zonas C ao considerar que non son aptos para o consumo pola presenza neles de biotoxinas e outros contaminantes. Deste xeito en moitas localidades de Galicia afectadas por esta catalogación, o sector marisqueiro viuse na obriga de cesar na súa actividade ata que as análises ofreceran unha mellora na calidade das augas. 

A propia normativa comunitaria establece dúas alternativas á libre produción e comercialización de mariscos procedentes das zonas C: a depuración artificial na industria transformadora ou o traslado dos mariscos a outra zona de produción con maior calidade nas augas, para a súa depuración natural durante o tempo suficiente -que pode durar varios meses- e como paso previo a súa comercialización. Pese a iso, a Xunta de Galicia veu de confirmar que non ten previsto habilitar estes espazos. 

SUCESIÓN DE DESPROPÓSITOS.- O voceiro de Pesca do PPdeG, José Manuel Balseiro, entende que o Goberno galego está  a cometer unha “sucesión de despropósitos” en relación coa súa xestión en todo o relacionado coa nova catalogación das áreas de produción e, máis en concreto, coas limitacións que operan nas zonas C: “primeiro, a Consellería de Pesca non foi quen de habilitar as moratorias e excepcións previstas nos regulamentos europeos para evitar que o cese de actividade das mariscadoras e, finalmente, estamos a ver como desde a Xunta de Galicia se está a negar a posibilidade de aproveitar a capacidade de depuración natural dos moluscos que existen nas nosas rías, como unha das características singulares de Galicia”.