Santiago, 16 de xuño de 2008.- O secretario xeral da Consellería de Pesca, Miguel Ángel López Sieiro, recoñeceu hoxe, en resposta ás preguntas realizadas polo Grupo Parlamentario Popular no seo da Comisión 8ª da Cámara autonómica, que os helicópteros Pesca I e Pesca II permaneceron inactivos durante varios períodos de tempo ao longo dos dous últimos anos, a pesar de que, ata o momento, sempre negaran esta evidencia. O departamento que dirixe a socialista Carmen Gallego viuse na obriga de recoñecer esta situacion, unha vez que o propio delegado desta Consellería en Lugo e Ortegal, José Ramón Val Alonso, admitiu estas carencias en declaracións aos medios de comunicación.
José Manuel Balseiro Orol, voceiro de Pesca do PPdeG, vén denunciando con insistencia as deficiencias no funcionamento dos helicópteros de salvamento que a Consellería de Pesca ten adscritos ao Servizo de Gardacostas de Galicia nas bases de Vigo e Celeiro (Lugo).
INCUMPREN O CONTRATO DO SERVIZO.- Desde hai meses, os populares galegos denuncian que a falta de tripulación de reemprazo nos helicópteros impedía a operatividade deste servizo de emerxencia as 24 horas do día, os 365 días do ano. Este extremo implica, a xuízo dos populares, un claro suposto de incumprimento do prego de prescricións técnicas que regulamenta o servizo. E por iso, o PPdeG demanda ampliar a dotación de persoal necesaria para garantir a máxima operatividade nuns medios esenciais para garantir a seguridade dos traballadores do mar.
DATOS POUCO CRIBLES PERO SIGNIFICATIVOS.- As cifras facilitadas pola Consellería de Pesca indican que durante o presente ano, o Pesca I -con base en Vigo- permaneceu inoperativo por descanso de persoal un total de 23 horas; mentres que o Pesca II, -con base en Celeiro- permaneceu inactivo 42 horas no ano 2007 e 43 horas no que levamos de 2008.
O voceiro de Pesca do PPdeG restou credibilidade aos datos facilitados polo secretario xeral da Consellería, “porque de ser certo o que di de que as datas sen servizo se corresponden cos tempos de descanso do persoal, ninguén pode crer que estes traballadores descansaran menos de 100 horas nos dous últimos anos, sobre todo tendo en conta que en ningún dos helicópteros conta con tripulación de reemprazo”.
PESCA OCULTA INFORMACIÓN.- Balseiro Orol criticou tamén, “a continua labor de obstrución e escurantismo” que caracteriza as comparecencias do secretario xeral da Consellería de Pesca no Parlamento de Galicia, por canto “nunca responde con rigor as nosas preguntas, desprezando xa non só a labor de oposición e control ao Goberno que lexitimamente nos corresponde levar a cabo, senón que tamén nega información importante que debe coñecer a opinión pública co obxecto de que fagamos as valoracións oportunas, coñezamos as deficiencias que existen, e propoñamos as solucións pertinentes”.
Na súa comparecencia de hoxe o secretario xeral da Consellería non quixo aclarar nin os períodos nos que se produciu a inoperatividade dos medios aéreos, nin as razóns que motivaron tal carencia.
“A Xunta de Galicia non pode deixar desprotexidas as nosas costas nin 100 horas, nin 10 minutos, diante da incerteza de que se poidan producir situacións de emerxencia”, conclúe o voceiro de Pesca do PPdeG.