Partido Popular de Lugo

BALSEIRO DENUNCIA QUE NINGUNHA DAS PERSOAS DEPENDENTES DA MARIÑA QUE XA FORMALIZARON AS SÚAS SOLICITUDES RECIBEN AS PRESTACIÓNS ECONÓMICAS RECOÑECIDAS POR LEI

A Mariña, 13 de xuño de 2008.- Ningunha das persoas que na nosa comarca teñen formalizado as correspondentes solicitudes están a recibir a súa prestación no marco da lei da dependencia. Así o afirma o deputado mariñán do PPdeG, José Manuel Balseiro Orol, quen denuncia a extrema lentitude coa que se están implantando os dereitos e as prestacións recoñecidas nesta normativa, que nace para axudar a aquelas persoas que requiren apoios para desenvolver as actividades esenciais da vida diaria e que se atopan, polo tanto, en especial situación de vulnerabilidade. 

O deputado mariñán quere coñecer o número de persoas que teñen formalizada a súa solicitude para acollerse á lei de dependencia, desde que en maio de 2007 se abrira o prazo para solicitar as correspondentes valoracións. Balseiro sospeita que pese a dilixencia dos veciños da comarca en tramitar as súas solicitudes, os mariñáns dependentes continuar agardando unha resposta satisfactoria. 

CAOS NA TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES.- O PPdeG cuestiona tamén o procedemento “caótico” establecido pola Vicepresidencia da Igualdade para atender as solicitudes e, proba diso, é que nalgún momento chegaron a convivir na comarca ata tres vías diferentes para rexistrar os documentos: punto de información promovido pola Vicepresidencia, as ventanillas únicas municipais e os servizos sociais. 

O caos inicial mantense unha vez formulada a solicitude e efectuada a valoración do dependente. O paso seguinte á valoración da dependencia esixe a presentación dun informe social e  dun plan de coidados. A pesar de que son os servizos sociais de base os que mellor coñecen a realidade de cada persoa dependente, a descoordinación existente provoca que en moitos casos ese informe sexa elaborado lonxe do seu municipio, de costas aos traballadores sociais locais.

 

EFECTOS PERVERSOS DA VALORACIÓN.- O deputado autonómico do PPdeG responsabilizou desta situación e dos incumprimentos que carrexa, ao vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, máis empeñado en protagonizar campañas de autobombo a costa das persoas con discapacidade e de pasar a fin de semana de baile en baile detrás dos maiores, ca en velar porque a estrutura administrativa da Xunta funcione con axilidade para resolver todas as solicitudes sen resolver dos mariñáns que desexan acollerse ás axudas previstas na lei da dependencia. 

Balseiro Orol recordou que Galicia é, xunto con Baleares, unha das Comunidades Autónomas na que menos se ten desenvolvido a lei da dependencia. Os datos do IMSERSO do pasado 2 de maio poñen de manifesto que das 43.120 solicitudes rexistradas en Galicia por persoas necesitadas de acollerse ás prestacións ofrecidas pola lei da dependencia, a Xunta só ten realizado a valoración de 19.016, o que supón un modesto 44,10 % do total. (A media nacional está no 76,058 %). 

Segundo o cronograma previsto na Lei da dependencia, na actualidade xa deberían estar atendidas, polo menos, todas as persoas en situación de gran dependencia, pero o certo é que nin sequera se está cumprindo esta previsión. Deste xeito, das 16.565 persoas en situación de gran dependencia existentes en Galicia, tan só 320 están a recibir unha prestación económica destinada ao coidador no conxunto da Comunidade.

EXPECTATIVAS DEFRAUDADAS.- Balseiro Orol insiste na súa crítica e cuestiona que mentres Quintana se pasea por Galicia visitando carpas e asistindo a bailes de maiores, moitas persoas atravesan situacións de extrema dificultade derivada da súa situación persoal de dependencia. De feito, o deputado popular manexa un dato preocupante: moitos dos potenciais destinatarios das prestacións están falecendo sen ver resoltas as solicitudes presentadas. Así na Mariña estímase que o 5% dos potenciais beneficiarios da Lei da dependencia xa faleceron desde que se abriu o proceso de tramitación das solicitudes. E por iso que, o deputado popular entende que a dilación na aplicación dos dereitos e prestacións contidos na nova lei constitúe unha ofensa contra a dignidade das persoas. 

EXPLICACIÓNS NO PARLAMENTO.- Finalmente, Balseiro Orol anunciou que vai rexistrar na Cámara unha iniciativa parlamentaria para reclamar explicacións á Vicepresidencia da Igualdade polo retraso co que está aplicar a lei da dependencia. 

O PPdeG demandará tamén un cronograma no que a Xunta detalle cando ten previsto avaliar e resolver as diferentes solicitudes presentadas na comarca para acollerse ás prestacións da lei da dependencia.