Monforte de Lemos, 12 de xuño de 2008.- O Grupo Popular de Galicia formulou 41 emendas diferentes ao proxecto de lei de protección da paisaxe nun intento de corrixir algunhas das carencias que presenta esta norma, que vai afectar especialmente aos propietarios de comarcas como a Ribeira Sacra, aos que somete a unha normativa ríxida que vai provocar custes adicionais sen obter contraprestación algunha da Administración.
A diferenza do proxecto elaborado polo Goberno bipartito, o PPdeG aposta por unha lei da paisaxe que contemple a realidade da xente que vive nas zonas que van ser obxecto de elevada protección. Como paradigma desta situación, Castiñeira Broz sinalou a situación da comarca da Ribeira Sacra, que vai ser obxecto da máxima protección, pero sen establecer o soporte económico necesario para financiar as obrigas ás que se van ter que someter os propietarios, en moitos casos de idade avanzada e escasa capacidade económica.
Para superar esta carencia, o PPdeG pide que a lei sexa dotada dunha memoria económica e que fixe no seu texto axudas directas para a conservación dos predios e das construcións tradicionais sometidas ao réxime de máxima protección, dadas as limitacións e condicionamentos que se van derivar desa norma. “Calquera protección supón unha expropiación encuberta e, polo tanto, debe ser pagada”, subliñou o deputado popular.
O deputado popular cuestionou tamén a “tramitación expréss” da lei de protección da paisaxe, que podería ser aprobada definitivamente no vindeiro Pleno da Cámara, previsto para dentro de dúas semanas.
NORMA ACAÍDA Á REALIDADE DE GALICIA, NON Á DE CATALUÑA.- Castiñeira Broz explicou que o PPdeG está favor dunha lei da paisaxe máis ambiciosa que a actual que contemple non só a protección ambiental desde unha óptica intervencionista, senón que incida de veras na recuperación de contornos degradados, porque “paisaxe é todo”. Os populares consideran que tal medida debe efectuarse a través dunha norma acaída á realidade de Galicia e non copiando os aspectos negativos da lei catalana, como fixo o Goberno bipartito. Os populares galegos avogan por un enfoque integral da cuestión, abordando aspectos relacionados coa protección, ordenación e xestión paisaxística que debería quedar encadrada na Consellería de Política Territorial, en lugar da de Medio Ambiente, como vai suceder.
PROTEXER SEN BUROCRACIA.- Asignar as competencias de protección da paisaxe a Política Territorial evitaría a carga burocrática adicional que implicará o proxecto a debate e permitiría que cando unha persoa solicita unha licenza de obra poda efectuar todos os trámites nas oficinas municipais, cuios técnicos poderían informar simultaneamente sobre os cumprimento da normativa urbanística e paisaxística. Pola contra, salvo que se remedie no trámite parlamentario, cando entre en vigor a lei da paisaxe, á licenza urbanística haberá que engadir a declaración de impacto paisaxístico, que require unha tramitación paralela.
Por iso, o PPdeG considera que o acertado sería incorporar a regulación da paisaxe na elaboración dos plans xerais de ordenación municipal para que, despois, sexan os propios concellos, ao conceder a licenza de calquera tipo de proxecto, os que acredite no cumprimento da normativa.
Paralelamente, nos municipios que carezan de PXOM ou non o teñan actualizado, a regulación podería facerse a través das directrices da paisaxe. Unha vez aprobado ese documento, o control paisaxístico sería encomendado aos concellos. A proposta do PPdeG, insistiu Castiñeira Broz, permitiría aforrar xestións administrativos, reducindo a burocracia e acurtando os prazos de tramitación de calquera proxecto.
TAMÉN RECUPERACIÓN PAISAXÍSTICA.- Castiñeira Broz apuntou que o PPdeG considera que a protección paisaxística debe efectuarse desde unha visión máis ambiciosa, que inclúa tamén a recuperación dos espazos degradados no medio rural, pero tamén nos contornos urbanos, periurbanos e mariños.
VALOR DIFERENCIADOR A PRESERVAR.- No mesmo acto, Dámaso López enfatizou que a riqueza paisaxística é un valor diferenciador da comarca “e por algo aspiramos a que sexa declarada Patrimonio da Humanidade”. Nesta liña, “compartimos –dixo- a necesidade de protexer e poñer en valor a paisaxe, como non podía ser doutro xeito. Pero o que a Xunta non pode esquecer é a que a paisaxe está habitada por persoas que necesitan recursos económicos para facer viable esa protección que ninguén discute”.
As emendas foron presentadas este mediodía en Monforte polo voceiro de Medio Ambiente do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, nun acto no que estivo acompañado polos tamén deputados Susana López Abella e Dámaso López Rodríguez, así como por alcaldes e voceiros populares da comarca.