Partido Popular de Lugo

A XUNTA MANTÉN ABERTOS COLEXIOS CON 5 NENOS E 3 PROFESORES, PERO PECHA UNIDADES DE ESO CON 20 ALUMNOS

Santiago, 12 de xuño de 2008.- A voceira de Educación do Grupo Popular,  Manuela López Besteiro, volveu deixar hoxe en evidencia a decisión da Xunta de suprimir o primeiro ciclo de ESO en 12 concellos rurais de Galicia co argumento de que é necesario racionalizar a distribución de profesores, cando ten constancia da existencia de colexios con 5 nenos escolarizados que son atendidos por tres mestres diferentes. Esta realidade contrasta cos efectos que terá a decisión da Xunta que obrigará a trasladar de centro a un grupo de 20 alumnos de 1º de ESO de Abadín, un dos exemplos achegados pola deputada do PPdeG. 

López Besteiro esgrimiu estes datos na Comisión de Educación celebrada esta mañá no Parlamento, onde formulou unha pregunta sobre a anunciada supresión de unidades de ESO. Respondeulle, sen argumentos, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, que chegou a tratar de xustificar a supresión das unidades sinalando que os rapaces afectados necesitan “socializarse”. López Besteiro interpreta que este argumento pon de manifesto os prexuízos urbanitas do PSOE, que xa foran evidenciados recentemente polo delegado de Educación en Ourense, que chegou a afirmar que os alumnos do medio rural teñen dificultades de integración. 

ATA 50 QUILÓMETROS DE RUTA.- A voceira de Educación dos populares agregou que ademais da irracionalidade que supón a medida, a supresión do primeiro ciclo da ESO obrigará aos alumnos afectados –arredor de 300 en toda Galicia- a erguerse ás 07,00 horas para efectuar, nalgúns caso, percorridos de 50 quilómetros, de unha hora de duración, efectuando un cambio de autobús polo camiño. 

López Besteiro puxo de manifesto a actitude teatreira e a hipocresía que rodea a actuación da Consellería de Educación, pero  tamén dos cargos do PSOE e do BNG, que se manifestaron en Lugo e en Santiago contra a decisión da Xunta, por temor a perder os votos dos pais afectados. Sen embargo, á hora da verdade, no Parlamento de Galicia, “se cadra porque os afectados están lonxe”, os deputados do PSOE e do BNG alíñanse coa Xunta e votan en contra da proposta do PPdeG para manter os ciclos que se van suprimir. 

HIPOCRESÍA DA ALCALDESA DE PORTOMARÍN.- Como exemplo de hipocresía política, López Besteiro sinala á alcaldesa socialista de Portomarín, que afirma apoiar as demandas dos pais afectados, pero non fai nada para que o seu xefe de filas, Pérez Touriño, nin a conselleira de  Educación, tamén do PSOE, muden de criterio e apoien a continuidade das unidades suprimidas. “A alcaldesa de Portomarín, debe elixir entre apoiar aos veciños e continiuar militando no PSOE; facer unha cousa e maila outra son absolutamente incompatibles”, asevera a voceira de Educación dos populares galegos.