Santiago, 11 de xuño de 2008.- O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento un paquete de medidas, consensuadas previamente co sector, para superar a crise que mantén amarrada a porto á inmensa maioría da flota galega. As propostas do PPdeG e do sector topáronse coa cerrazón de PSOE e BNG, que optaron por pechar filas co conselleira de Pesca en lugar de apoiar a armadores e pescadores.
Balseiro recordou que a medida que foi avanzando a actual lexislatura se esvaeceu o compromiso previo de PSOE e BNG de converter á pesca galega nun sector estratéxico. “Lonxe de acadar este obxectivo, a Consellería de Pesca estase a converter, por deméritos propios, no mellor exemplo de mala xestión, da falta de iniciativas e da improvisación, convertida na base sobre a que pivota a acción política do Goberno de Galicia”, segundo apuntou o voceiro popular.
LIDERAR AS PROPOSTAS.- Pasividade e inacción son, a xuízo de Balseiro, as características definitorias da actitude que está a manter a Consellería de Pesca. Fronte a iso, o PPdeG reivindica o deber de Galicia de “liderar as propostas en positivo para superar a crise actual, do mesmo xeito que a nosa flota lidera o sector pesqueiro en España e en Europa”.
Como principais expoñentes da crise que afoga ao sector pesqueiro, Balseiro recordou o crecemento exponencial do prezo do gasóleo, que Cepesca cifrou nun 320% nos últimos 5 anos; a baixa cotización do peixe en orixe, que mantén os prezos en niveis similares aos de hai dúas décadas; o impacto negativo das importacións masivas e descontroladas de peixe foráneo; e maila obsoleta regulación en materia de titulacións náutico-pesqueiras e do requisitos mínimos sobre tripulacións.
Neste contexto, o portavoz de Pesca do Grupo Popular advertiu aos socios do Goberno bipartito. “Chegou a hora –dixo- de poñerse a traballar sen máis dilación; chegou o momento inaprazable de aprobar e aplicar medidas extraordinarias de carácter económico e social”.
A
s propostas recollidas na moción defendida hoxe por José Manuel Balseiro, logo de ser consensuadas co sector pesqueiro, son as seguintes:
1.- Proceder ao pago inmediato das axudas comprometidas de minimis correspondentes aos gastos derivados do encarecemento de gasóleo entre 2004 e 2005 para aquelas empresas que aínda non as percibiron.
2.- Poñer en marcha unha política de refinanciamento de pasivos (facilidades para renegociar os créditos).
3.- Establecer medidas extraordinarias de carácter laboral que permitan reducir custos na Seguridade Social ás empresas titulares de buques de pesca, como ás que operan en terra, directamente vinculadas coa pesca extractiva.
4.- Aplicar exoneracións ou reducións de tarifas portuarias por un período non inferior a seis meses.
5.- Aplicar de xeito inmediato o Fondo Europeo de Pesca ao Plan de axuste da flota para a sustentabilidade económica e ambiental.
6.- Negociar ante a Comisión Europea un incremento do nivel das axudas de minimis ata o limiar de 200.000 € de tal xeito que poidan servir para atender os gastos polo incremento do prezo do gasóleo para os exercicios posteriores aos xa comprometidos.
7.- Publicar de xeito urxente a norma legal e o correspondente pago, sobre as axudas xa comprometidas á paralización temporal das flotas que interromperon a súa actividade durante 2007.
8.- Publicar e aprobar urxentemente novas axudas as paralizacións temporais de 2008 para tripulantes e empresas con novas condicións adaptadas ás demandas do sector.
9.- Mellorar e intensificar ao máximo o control das importacións ilegais, así como os controis e as análises hixiénico-sanitarias dos produtos pesqueiros procedentes de terceiros países.
10.- Incorporar ao Segundo Rexistro de Matrícula de Buques (REBECA) á flota pesqueira que cumpra os parámetros a establecer pola administración e o sector, e de forma inmediata á flota atuneira, á de palangre de superficie e á de arrastre de altura e gran altura.
11.- Promover de forma incentivada a participación do sector pesqueiro na mellora do medio ambiente mariño.
12.- Incrementar as campañas de comercialización e alcanzar acordos de colaboración nesta materia con outras Comunidades Autónomas e co Goberno central, orientadas a conseguir un incremento no consumo de peixe.
13.- Promover mecanismos de difusión para que os prezos en primeira venda sexan coñecidos en tempo real, garantindo un sistema de fixación de prezos estables.
14.- Esixir ás diferentes administracións públicas que o consumo de peixe nos diferentes centros dependentes destas sexa nacional.
15.- Establecer mecanismos de cobertura que permitan garantir o prezo medio do combustible ata unha contorna de viabilidade, e fixar novos mecanismos de apoio para a compra de gasóleo en mercados de futuros con respaldo oficial.
16.- Demandar da Comisión Europea novos acordos de pesca mediante a renegociación dos que se interromperon no seu día e a renovación dos que na actualidade están en vigor.
17.- Proceder á revisión dos Plans de Estudio, facendo atractivo o oficio de pescador e revisión da normativa sobre tripulacións mínimas en colaboración coas Comunidades Autónomas.
18.- Promover que os Fondos estruturais, FEDER, FEOGA Orientación e Fondo Social Europeo se apliquen, de xeito preferente en zonas dependentes da pesca.
19.- Promover a elaboración, xunto coas distintas administracións implicadas, sindicatos e organizacións pesqueiras máis representativas, dun plan estratéxico da pesca para os próximos anos, que inclúa un instrumento de análise e observancia da evolución dos prezos do gasóleo, por si esta requirise da implementación de mecanismos compensatorios.