Partido Popular de Lugo

LUGO, OURENSE, PONTEVEDRA, FERROL E SANTIAGO SEGUEN SEN XULGADO DE VIOLENCIA DOMÉSTICA A PESAR DAS PROMESAS DA XUNTA DE HAI UN ANO

Santiago, 11 de maio de 2008.- A voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, reclamou hoxe o apoio do Parlamento para acadar un acordo que permita mellorar e incrementar os medios dispoñibles para poñer freo ao crecemento do número de vítimas de violencia de xénero en Galicia. López Abella convidou a PSOE e BNG a secundar esta iniciativa –aprobada finalmente por unanimidade- para instar á Xunta a xestionar co Goberno central un incremento dos recursos dedicados á prevención e loita contra a violencia de xénero, chamando a atención sobre a necesidade de que os axentes dispoñan de formación específica para este tipo de tarefas e dispoñan de comunicación directa e permanente coas vítimas reais ou potenciais. 

Con esta proposta, o PPdeG busca superar as carencias do modelo actual, integrado, na maior parte dos casos por axentes  en “segunda actividade”, maiores de 55 anos  e con limitacións para realizar determinadas actividades operativas. 

MÁIS XULGADOS ESPECÍFICOS.- O Grupo Popular tamén pretende que se incremente o número de xulgados especializados en violencia de xénero e que estes órganos sexan dotados dos medios necesarios para garantir un funcionamento áxil. 

A deputada popular chamou a atención sobre a desidia da Xunta no cumprimento dos mandatos parlamentarios e puxo como exemplo que a finais do ano pasado, a Cámara galega aprobou, por unanimidade, unha iniciativa do PPdeG na que se reclamaba a creación de xulgados específicos de violencia doméstica en Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Santiago. Sen embargo, a día de hoxe, cando xa transcorreron varios meses desde entón, o bipartito aínda non efectuou xestión algunha para materializar ese mandato da Cámara, a pesar de que tan só están en funcionamento dous xulgados específicos na Comunidade: na Coruña e en Vigo. 

Para o PPdeG, tamén se fai necesaria a posta en funcionamento de oficinas de atención ás vítimas da violencia de xénero que faciliten asistencia xurídica inmediata ás afectadas ou ás que estean sometidas a situacións de risco potencial. 

Resulta igualmente precisa a creación de unidades forenses de valoración de riscos en todas as provincias galegas, ao tempo que o Grupo Popular tamén reclama que os informes de valoración de riscos para establecer medidas cautelares sexan elaborados coa participación de psicólogos e asistentes sociais. Na actualidade, estes informes son o resultado dun programa informático no que non intervén perito algún que poda efectuar  unha valoración persoal máis acaída a cada un dos perfís avaliados por ordenador. 

López Abella tamén botou en falta, na súa intervención, a existencia dun mecanismo que garanta a coordinación entre as diferentes administracións no relacionado coa prestación de servizos sociais e sanitarios, tal e como recolle a lei integral galega contra a violencia de xénero, unha carencia da que responsabilizou directamente á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. 

INFLEXIBILIDADE DE PSOE E BNG.- A deputada popular expresou tamén a preocupación que lle suscita o derroteiro seguido por PSOE e BNG en materia de Igualdade, xa que en lugar de implantar medidas concretas se limitan a tentar deslexitimar o dereito do Grupo Popular a controlar a parálise do Goberno neste ámbito.