A Mariña, 11 de xuño de 2008.- O secretario xeral do Partido Popular en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, afirmou que adoecen de falta de credibilidade e son absolutamente falsas as declaracións efectuadas polo portavoz socialista no Parlamento de Galicia, Ismael Rego, nas que afirmaba que os investimentos realizados polos gobernos socialistas en Madrid e en Santiago son superiores aos realizadas na última década polos executivos do PP.
Balseiro pon de relevo a nula veracidade dos datos manexados por Rego “que non se sustentarían nun estudo rigoroso dos orzamentos do Goberno central e autonómico e, moitos menos, na análise do grado de execución destas contas, pois A Mariña está a ser marxinada nos últimos anos como consecuencia da falta de interese dos executivos de Touriño e de Quintana.
ORZAMENTOS DO 2008: SALDO NEGATIVO PARA A MARIÑA.- Os populares a diferencia do portavoz socialista manexan datos concretos. Así por exemplo subliñan que, das contas autonómicas para 2008, dedúcese que o investimento da Xunta na comarca é un 37,22% menor ca no 2005 -data dos últimos orzamentos do PP- “polo que o investimento final viuse reducido en máis de 149 euros por habitante. Desde o PP lembran que, mentres en 2005 cada mariñán recibía 400 euros, en 2008 o investimento reducíase a tan só 251 euros por habitante.
CALENTÓN SOCIALISTA PREELECTORAL.- O secretario xeral dos populares atribúe as erradas palabras de Ismael Rego a un calentón preelectoral dun deputado ao que cualifican como ausente dos asuntos importantes da Mariña que sabe que o papel o aguanta todo pero os feitos amosan un saldo claramente negativo en feitos e obras, por parte das administracións socialistas.
A ÚNICA AMPLIACIÓN DO HOSPITAL A LEVOU A CABO FRAGA.- Por outra banda José Manuel Balseiro lembrou aos socialistas que, malia que xa o esqueceran, foi un Goberno do PP, presidido por Manuel Fraga o único que acometeu unha ampliación do Hospital da Costa no ano 2002. Mentres que agora, é un goberno de coalición entre nacionalistas e socialistas o que está a impedir que esta actuación se leve adiante. O dirixente popular salientou que para a devandita ampliación executáronse máis de 500 millóns das antigas pesetas e que agora, transcorrido 5 anos é necesario levar acabo unha nova ampliación así como un plan rigoroso de mellora da calidade asistencial no centro.
Balseiro criticou de xeito especial ao propio deputado Ismael Rego porque tanto no 2006, coma no 2007 e no 2008 -estes tres últimos anos- votou en contra dunha emenda do Partido Popular que buscaba consignar os cartos necesarios para levar a cabo a devandita ampliación, e tamén, se opuso sistematicamente á instalación no centro mariñán de novos servizos ou dotacións de calidade como é a resonancia magnética pernamente.
Na mente de todos -aseverou Balseiro- están nas palabras do señor Rego que, cando a Xunta do PP estaba acometendo a ampliación do Hospital, ata a configuración estratural que presenta na actualidade, chamaba ao centro “ambulatorio de terceira”, mentres que agora mudan o seu discurso para ofrecer un triunfalismo esaxerado e irreal que nos intentan vender hoxe.
NIN UN SÓ QUILOMETRO DE CORREDOR EN TRES ANOS.-Finalmente, en canto ao compromiso do Goberno central o Partido Popular puxo de exemplo o que está a acontecer co treito estatal do corredor entre San Cibrao e Barreiros -que sofre unha parálise e unha carencia de investimentos brutal- Deste xeito, quixo chamar a atención sobre o desprezo e o esquecemento da nosa comarca que caracteriza ao Goberno de Zapatero: en tres anos nin ún só quilómetro de corredor, pese a que en cada orzamento prevían levar adiante estas obras.
BALSEIRO EMPRAZA A REGO A VISITAR MÁIS A MIÚDO A MARIÑA.-Finalmente, o secretario xeral dos populares emprazou a Ismael Rego a achegarse máis á nosa comarca, non como un visitante esporádico e case testemuñal, senón como un verdadeiro deputado comprometido coa comarca a que di reprsentar. De seguro -conclúe Balseiro- unha visita sobre o terreo faría cambiar o discurso triunfalista que mantén a día de hoxe.
Desde o Partido Popular creen que sería positivo que o voceiro dos socialistas galegos visitase as urxencias colapsadas do hospital, as consultas que presentan listas de espera superiores á media autonómica, os centros de saúde que conviven diariamente con múltiples deficiencias ou que viaxase polas estradas conxestionadas ante a falta de alternativa e ausencia do corredor costeiro “que nestes anos non deixou de ser, ante a inacción dos gobernos socialistas, unha infraestrutura virtual”