Lugo, a 9 de xuño de 2008.- O Presidente provincial do PP José Manuel Barreiro, a deputada autonómica Manuela López Besteiro e o voceiro do Grupo municipal popular de Portomarín Juan Serrano ofreceron hoxe unha rolda de prensa para valorar a actitude da alcaldesa de Portomarín no conflicto xurdido coa supresión do primeiro ciclo da ESO.
Para Juan Serrano, o que está a facer a rexidora de Portomarín, a socialista Silvia Rodríguez, pon claramente de manifesto a súa “hipocresía que chega ata tal extremo que pode xa calificarse de cinismo político”. O voceiro popular en Portomarín referiuse con dureza ó “dobre xogo” que practica a alcaldesa xa que por un lado comprometeuse cos pais dos nenos afectados a acudir a entrevistarse coa conselleira de Educación pero polo outro concerta esa reunión ela sola e de “tapadillo”.
Este comportamento, na súa opinión, deixa claro que Silvia Rodríguez está a interpretar unha pantomima. “Quere quedar ben cos veciños manifestándose con eles pero, por detrás, pacta coa conselleira aceptar a decisión de suprimir o primeiro ciclo da ESO no seu concello”.
O voceiro popular considera que á alcaldesa só lle quedan tres opcións, “se realmente está interesada en defender os intereses dos pais e dos nenos afectados: dimitir como rexidora, pedir a dimisión da conselleira ou acudir ó Presidente Touriño para que tome cartas no asunto se realmente non está de acordo coa decisión adoptada por Educación”.
“Non imos a permitir que os verdugos se convirtan agora en víctimas. Cada un terá que responder do que fixo e do que está a facer”, engadiu.
Serrano quixo tamén aclarar que respalda as medidas de presión que están a realizar os pais contra a decisión adoptada pola Xunta como pode ser o caso da recollida de firmas e alégrase de que as protestas previstas no albergue de peregrinos e na feira do Páramo se fixeran dun xeito máis cívico.
A deputada autonómica Manuel López Besteiro preguntouse pola súa banda por qué a alcaldesa de Portomarín na vez de bloquear os albergues, unhas instalacións que dependen dunha consellería do BNG, non optou por paralizar a actividade doutros servicios que son competencia directa da Consellería de Educación como poden ser os centros educativos ou incluso os servicios sanitarios, que sí dependen de consellerías socialistas.
López Besteiro foi moi crítica tamén cos argumentos empregados dende a Consellería de Educación para xustificar a supresión do primeiro ciclo da ESO e que afecta a sete municipios da provincia de Lugo. “Primeiro contoulle ós pais a milonga de que non se podía dar marcha atrás na supresión deste tramo da ESO dicindo que a Lei así o establecía, pero resulta que despois, na carta que lle remite ós pais, non se fai nin a máis mínima referencia a este respecto. O que significa que tomou unha decisión de xeito unilateral, que non está amparada por nada, e que é inxusta, insolidaria e que vai en contra da defensa do rural galego”.
A deputada autonómica tamén fixo referencia ás declaracións realizadas polo delegado de Educación de Ourense nas que aseguraba que os nenos do medio rural teñen dificultades de integración e unha pobre socialización e que incluso chegou a recoñecer que teñen dificultades de convivencia. “É lamentable que un responsable político faga este tipo de comentarios que poden incluso considerarse ofensivos”, indicou. Por elo anunciou que presentou varias iniciativas no Parlamento nas que pregunta ós responsables da Xunta se todos os socialistas comparten as declaracións realizadas polo delegado de Educación de Ourense.
López Besteiro tamén preguntará ó Presidente, ó Vicepresidente e ó responsable da Consellería de Industria qué opinión lles merece que a alcaldesa de Portomarín e, polo tanto, o PSOE, fomenten o bloqueo dos albergues de peregrinos neste concello e se comparten esta actitude.
A deputada popular instou ó Presidente da Xunta a que se pronuncie sobre este asunto e sobre todo que amose a súa sensibilidade sobre este problema e aplique o sentido común.
José Manuel Barreiro pola súa banda puxo en duda a defensa do rural galego que no seu día enarbolou Touriño porque, segundo dixo, decisións como as que se están a tomar coa ESO son contrarias á súa potenciación. “O Presidente terá que explicar se é así como entende o Plan de Reequilibrio Territorial”.
Barreiro lembrou que esta medida lesiona os intereses de 135 alumnos lucenses de primeiro e segundo da ESO que nalgúns casos terán que desprazarse ata 45 quilómetros.