Partido Popular de Lugo

O BIPARTITO IMPIDE POÑER EN MARCHA UNHA REFORMA LEGAL PARA QUE OS ARMADORES PODAN USAR OS DEREITOS DE PESCA EN AUGAS COMUNITARIAS COMO AVAL PARA SOLICITAR UN CRÉDITO

Santiago, 9 de xuño de 2008.- Os votos en contra do PSdeG e BNG impediron hoxe que prosperase unha iniciativa do Grupo Popular encamiñada a modificar a lexislación estatal que na actualidade impide que os armadores podan usar como aval para operacións crediticias os dereitos de pesca que teñen recoñecidos en augas comunitarias. Socialistas e nacionalistas rexeitaron esta posibilidade no transcurso da Comisión de Pesca celebrada na mañá de hoxe no Parlamento de Galicia. 

De terse aprobado a proposta do PPdeG, poríase en marcha un instrumento moi útil para a flota galega, pois outorgaríaselle a estes dereitos un valor patrimonial, con capacidade para servir de apoio diante dunha entidade bancaria ou crediticia, posibilidade de suma utilidade a día de hoxe, cando o sector está a sufrir unha das súas peores crises. 

Os populares pretendían  acadar un acordo parlamentario para mudar a normativa vixente que actualmente imposibilita a inscrición destes dereitos de pesca no Rexistro da Propiedade, introducindo unha exclusión que actúa, de xeito especial, en prexuízo da nosa pesca. A este respecto José Manuel Balseiro Orol aclarou que o 95% dos afectados por esta limitación son armadores galegos que operan na flota de altura, gran altura e palangreiros. 

Malia que a práctica totalidade dos afectados por esta limitación legal son armadores galegos, PSOE e BNG supedítanse aos intereses do Goberno central, que carece de vontade para levar a cabo unha política de apoio ao sector pesqueiro. Os populares entenden que a Xunta de Galicia debería liderar un movemento de presión ante o Goberno central para modificar a normativa de aplicación neste ámbito e facer posible que os armadores podan facer valer os seus dereitos pesqueiros como avais nas operacións de endebedamento que desexen formalizar.