Lugo, a 5 de xuño de 2008.- O GPPP lamentou hoxe en rolda de prensa que a Deputación perdera un ano para tentar paliar os problemas do Hospital San Rafael e que as melloras anunciadas a bombo e platillo reducíranse a arranxar o problema da subministración da auga.
O voceiro adxunto do GPPP, José María González Barcia, acompañado dos concelleiros Francisco Javier Balado e José Luis García Barja do Grupo Municipal do PP de Castro de Rei, afirmou que as deficiencias de teitos e aseos están como estaban hai preto de nove meses cando visitaron o centro sanitario os actuais responsables políticos do San Rafael.
“A penosa situación na que se atopan os teitos fai que cando chove a auga caia polos corredores. Os aseos están moi deteriorados e nestes intres só se está a reparar un. A algunhas dependencias unha manciña de pintura non lle viría nada mal… Todo esto é patente nestes mesmos momentos, a nove meses de que esta situación fora motivo de denuncia por parte dos actuais responsables da Deputación nos medios de comunicación”, explicou Barcia.
“Nós”, engadiu o voceiro adxunto do GPPP, “non fomos alí con fotógrafos e cámaras de televisión para denunciar a situación do centro sanitario, pero sí actuamos con responsabilidade denunciando os incumprimentos dos que no seu día aseguraron que a situación do San Rafael era insostible”.
Para os populares, non se pode alegar unha posible insuficiencia presupostaria, porque se houbera vontade, tal e como se fixeron as obras de acometida de auga da traída municipal de Castro de Rei, e vistas as modificacións feitas sobre o orzamento de 2007, sería doado acometer as obras básicas de arranxo dos desperfectos que aínda persisten no San Rafael.
TRASPASO Ó SERGAS.- O GPPP tamén se referiu ó proceso de transferencias dos centros sanitarios ó Sergas. Segundo indicou González Barcia, este proceso non está sendo tan doado coma se dixo nun principio. As razóns, segundo recalcou, son varias. Unha delas é, ó seu enteder, fundamental como é o caso do persoal, que “a estas alturas ten moi pouca ou ningunha información sobre o que realmente está a pasar, ó que hai que engadir que hai problemas coa valoración de postos de traballo dos dous centros sanitarios”.
Esta situación está a ocasionar, asegurou Barcia, “inquedanza entre os traballadores, porque os responsables políticos non trasladan información, sendo esa a súa responsabilidade. Con esta actitude dá a impresión de que o que realmente preocupa e ocupa é solucionar un compromiso político sen que interese moito a situación do persoal”.
Barcia lembrou que o Presidente Besteiro anunciara a finais do pasado mes de febreiro que a partir do 15 de marzo principiarían as xuntanzas das tres comisións que se crearían co fin de abordar de modo sectorial o traspaso dos hospitais á Xunta. “Pero destas reunións, se é que se celebraron, non temos constancia de ningunha conclusión”, indicou.
Por eso, o GPPP demanda do Presidente da Deputación, Gómez Besteiro, unha maior implicación na resolución dos problemas “porque cremos que non se resolve por falla de dedicación e de constancia no traballo do día a día”.
“Na Deputacion, coma nos concellos, hai problemas diarios que afectan ós veciños da provincia e ós usuarios dos servicios da Deputación, e que hai que atendelos con celeridade, dado que afectan á calidade de vida dos cidadáns lucenses. Este é o caso das instalacions do Hospital San Rafael, cun estado que non cambiou en nada no último ano, e que afecta ós traballadores e ós propios enfermos”, engadiu Barcia.
Pola súa banda, tanto Francisco Javier Balado como José Luis García recalcaron a súa preocupación porque pasa o tempo e as deficiencias existentes no hospital non se arranxan. Fixéronse eco asimesmo da decepción que amosan tanto os veciños coma os traballadores e pacientes do centro sanitario polo feito de que a situación non se mellore.