Partido Popular de Lugo

O PPdeG PREGUNTA A EDUCACIÓN SE ADOPTOU ALGUNHA MEDIDA PARA EVITAR PROBLEMAS DE SALUBRIDADE NOS COLEXIOS DE LUGO AFECTADOS POLA FOLGA DA LIMPEZA

Santiago, 4 de xuño de 2008.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, Manuela López Besteiro, rexistrou no Parlamento unha iniciativa para pedir que a Consellería do ramo explique se adoptou ou  ten previsto poñer en marcha algunha medida encamiñada a garantir a salubridade nos colexios lucenses afectados pola folga indefinida dos servizos de limpeza. 

A xuízo de López Besteiro, a Consellería de Educación semella non terse enterado aínda do problema suscitado nos colexios de Lugo e recorda que a Xunta dispón de marxe de manobra suficiente para garantir a hixiene nos centros que ten baixo a súa competencia. 

Ademais dos mecanismos específicos de intermediación previstos para conflitos laborais, chegado o caso, a Administración autonómica poderá contratar, polo procedemento de urxencia, a unha empresa que se encargue da  limpeza dos centros para evitar os riscos sanitarios derivados da acumulación de lixo nos colexios. 

“Desgraciadamente, como xa temos comprobado coa supresión dos primeiros ciclos da ESO en diferentes centros da provincia, e como está a suceder agora coa folga da limpeza, a conselleira de Educación semella máis interesada en cultivar a súa vocación cosmopolita visitando Nova York ca en acercarse á realidade do sistema educativo público”, agrega Manuela López Besteiro.