Partido Popular de Lugo

O EMPEÑO QUE QUINTANA POR CONVERTER A LEI DA DEPENDENCIA NUN FENÓMENO MEDIÁTICO RETRASA A SÚA IMPLANTACIÓN E SITÚA A GALICIA Á COLA DE ESPAÑA

Vilalba, 4 de xuño de 2008.- Polo de agora, a aplicación da lei de dependencia en Galicia limítase a ser obxecto dun amplo despregamento mediático protagonizado polo vicepresidente da Igualdade, Anxo Quintana, coa complicidade de Touriño, pero a realidade é que as persoas máis necesitadas continúan sen poder acceder ás prestación recollidas nesa norma. Esta foi unha das conclusións ofrecidas esta tarde en Vilalba pola vicesecretaria xeral do PPdeG e voceira de Igualdade do Grupo Popular, Susana López Abella, que participou nunha charla sobre a situación dos servizos sociais en Galicia, un acto no que tomou parte o tamén deputado popular Agustín Baamonde. 

Para reforzar a súa conclusión, López Abella recordou que, a día de hoxe, Galicia é con Baleares, a Comunidade Autónoma na que menos se ten desenvolvido a lei da dependencia. Datos do IMSERSO do pasado 5 de maio poñen de manifesto que das 38.557 solicitudes rexistradas en Galicia por persoas necesitadas de acollerse ás prestacións ofrecidas pola lei da dependencia, a Xunta só ten realizado a valoración de 12.132, o que supón un modesto 31,5% do total. 

A deputada popular recordou que, en función do cronograma de aplicación da lei da Dependencia, na actualidade xa deberían estar atendidos, polo menos todas as persoas que presentan unha situación de gran dependencia, pero o certo é que nin sequera se está cumprindo esta previsión. Deste xeito, das 16.565 persoas en situación de gran dependencia existentes en Galicia -3.000 corresponden á provincia de Lugo-, tan só 320 están a recibir unha prestación económica destinada ao coidador. 

“Lamentablemente, a desidia da Xunta está a impedir que preto de 100.000 galegos podan acceder a unhas axudas que teñen recoñecidas por lei e, o que é peor, todos os días temos coñecemento de persoas que morren sen recibir resposta algunha por parte dunha Administración que dedica o mellor do seu tempo e dos seus recursos á propaganda e ao autobombo, en lugar de atender aos que realmente o necesitan”, laiouse a deputada popular.