Santiago, 3 de xuño de 2008.- A Xunta de Galicia volveu dar mostras hoxe do seu desprezo ao Parlamento ao suspender, unilateralmente e sen efectuar comunicación previa algunha ao Grupo Popular, a comparecencia que tiña prevista o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, na Comisión non permanente para a igualdade e os dereitos da muller.
Ante este novo desplante, as deputadas do Grupo Popular que participaban nesa comisión, decidiron abandonar a sala na que se ía celebrar a reunión como sinal de repulsa contra esta novo agravio inflinxido polo Goberno bipartito ao Parlamento.
Susana López Abella, voceira de Igualdade do Grupo Popular, rexeitou a comparecencia proposta pola Xunta para substitutír ao conselleiro de Traballo –a directora xeral de Relacións Laborais- e anunciou que volverá reclamar a presenza de Ricardo Varela, dada a transcendencia dos asuntos que se ían abordar, como a situación laboral da muller en Galicia. O sucedido esta mañá é especialmente grave por tratarse da primeira ocasión na que un conselleiro deixa plantada esta Comisión. A comparecencia do conselleiro de Traballo fora aprobada pola Mesa da Comisión non permanente e polo propio conselleiro. Ao tratarse dunha comisión de estudo, o conselleiro non pode ser substituído salvo acordo previo da propia mesa, que non se produciu.
OBXECTIVO: NEUTRALIZAR AO PARLAMENTO.- O Grupo Popular elevará unha protesta formal ante a Presidencia do Parlamento de Galicia pola actitude amosada hoxe por Ricardo Varela, que semella estar seguindo a folla de ruta deseñada polo Goberno bipartito para tratar de neutralizar todas as voces críticas ou discrepantes respecto á liña oficial, incluída a Cámara Autonómica.
López Abella insta ao presidente da Xunta a tomar cartas no asunto e que trate de obrigar ao Conselleiro de Traballo a comparecer no Parlamento con urxencia, se ben é consciente de que a falta de autoridade de Pérez Touriño sobre Ricardo Varela, -nun momento no que a ala socialista do Executivo semella terse dividido en dous bandos enfrontados- reduce as garantías de que esta proposta poda materializarse a curto prazo.