Partido Popular de Lugo

O PPdeG PIDE COPIA DO EXPEDIENTE INCOADO TRALO DERRUBAMENTO REXISTRADO NO COLEXIO ÍNSUA BERMÚDEZ DE VILALBA

Santiago, 30 de maio de 2008.- O Grupo Parlamentario Popular rexistrou hoxe na Cámara unha iniciativa para reclamar que a Consellería de Educación lle remita unha copia íntegra do expediente informativo incoada a raíz do derrubamento dun muro no colexio Ínsua Bermúdez, en Vilalba, o pasado martes. 

A solicitude está asinada polo deputado popular Agustín Baamonde e, con ela, pretende que a Xunta complete con todas as súas consecuencias a instrución do expediente anunciado, a diferenza do que ten acontecido a raíz doutros percances rexistrados no que vai de lexislatura no ámbito deste departamento autonómico. Noutras ocasións, como nalgúns accidentes do transporte escolar, Educación anunciou a apertura de expedientes dos que non volveu dar conta, nin ao Parlamento, nin á opinión pública, o que leva ao PPdeG a sospeitar que nunca foron completados. 

Por iso, Agustín Baamonde agrega que o Grupo Popular manterá unha actitude vixiante, máxime despois dos radicais cambios de criterio amosados polo delegado de Educación en Lugo, que en cuestión de horas, pasou de defender a posibilidade de seguir executando as obras no Ínsua Bermúdez a ordenar a súa paralización ata o remate deste curso académico. En opinión do deputado popular, os criterios contraditorios defendidos polo delegado converten a este cargo público nun prototipo de “veleta bipartita, que tanto abondan neste Goberno por ser capaces de afirmar unha cousa a súa contraria sen inmutarse”. 

Para o PPdeG, resulta sorprendente que unha obra da magnitude da que se estaba a acometer no colexio Ínsua Bermúdez non se programase en dúas fase, coincidindo cos períodos vacacionais.