Partido Popular de Lugo

O GPPP CRE QUE A DEPUTACIÓN PERDEU UN ANO EN MATERIA DE TURISMO FLUVIAL

Lugo, a 30 de maio de 2008.- O GPPP manifestou hoxe a través dunha nota de prensa que a Deputación perdeu un ano en materia de turismo fluvial, xa que non se fixo ningunha actuación nesta materia. O que significa, segundo salientan, que o bigoberno está dando por boa a política que se nesta materia estaba a desenvolver o anterior equipo de goberno. 

Para o voceiro adxunto do Grupo Provincial do PP, José María González Barcia, un dos temas estrela da Deputación, a mellora da accesibilidade, foi totalmente ignorado durante este ano en materia de turismo fluvial, porque, como puido constatar persoalmente durante unha visita realizada a determinados puntos de atraque dos barcos da Deputación. Barcia constatou que os puntos de atraque seguen nas mesmas condicións nas que quedaron no verán de 2007, uns ben, pero outros en estado deficiente. 

O GPPP amosou a súa satisfacción de que o novo barco da Deputación se traslade para a semana próxima. Pero lembran que no seu día xa se solicitara o permiso para o traslado e que non se usou, co que houbo que volver a tramitar a solicitude.  

O voceiro adxunto dos populares recalcou que esta cuestión foille formulada ó presidente nun pleno celebrado o pasado mes de febreiro, e que a resposta foi que “en breve se trasladaría”. “Esa brevidade traduciuse en prácticamente catro meses”, puntualizou. “Esto demostra”, segundo Barcia, “a enorme capacidade de improvisación que tén o bigoberno, pero a pouca que tén para organizarse, cuestión que se demostra cada día e que perxudica claramente os intereses dos cidadáns desta provincia”. 

Finalmente, o GPPP pídelle á Deputación que se aplique dunha vez por todas no traballo, ó entender que se a política turística vai ser explicarnos reiteradamente o novo plano estratéxico, ésta “resultará moi probe”. Os populares animan, por tanto, ós responsables populares a empregar xa os 30.000 euros de investimentos reais que aparecen no correspondente anexo. Unha cifra que, ó seu entender, “tristemente demostra a enorme preocupación que tén este bigoberno polas rotas fluviais da nosa provincia”.