Santiago, 30 de maio de 2008.- O portavoz de Pesca do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, agarda que a concentración de protesta realizada esta mañá en Madrid para reclamar solucións á crise que esgana ao sector sirva, polo menos para que a conselleira e a ministra do ramo tomen boa nota da situación e se poñan a traballar para buscar solucións.
Balseiro considera que os manifestantes que se concentraron ante a sede do Ministerio do Medio Mariño deron mostra de civismo e de madurez, pero tamén de unión dun sector que atravesa a peor crise dos últimos 25 anos, mentres que tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia fan caso omiso desa realidade.
Recorda, como exemplo, que, a día de hoxe, o 90% da flota galega continúa sen percibir as axudas prometidas no ano 2005, cando comezou a tomar corpo a crise que desde hoxe mantén amarrada a flota de altura.
INCOHERENCIAS MENTIRAS DO BNG.- Paralelamente, José Manuel Balseiro insiste na incoherencia dos grupos que apoian ao bipartito e pon como exemplo as declaracións nas que Bieito Lobeira critica o desmantelamento da flota pesqueira, malia que é na etapa do Goberno bipartito na que se está na efectuar os maiores desguaces en Galicia dos últimos 20 anos. De feito, no ano 2006 as axudas para o desmantelamento de barcos sumaron 15 millóns de euros, mentres que en 2007 acadaron os 16 millóns de euros en fondos propios da Xunta de Galicia.
“Lobeira revélase hoxe como un mentireiro compulsivo que trata de ignorar que o BNG é tan responsable como o PSOE da desastrosa política pesqueira da Xunta de Galicia”, afirma Balseiro.
O deputado popular recorda que o PPdeG entende que o despezamento da flota ten que ser financiado en exclusiva polo Goberno central e, por iso, no trámite parlamentario dos orzamentos, presentou emendas para liberar eses fondos e destinalos a outras necesidades da pesca galega, pero tales propostas topáronse coa negativa de socialistas e nacionalistas. O propio Bileiro Lobeira e demais deputados do BNG e do PSOE apoiaron cos seus votos que a Xunta dedique fondos propios a pagar o desmantelamento deses barcos.
TOURIÑO ESCAPA DO SECTOR.- Do mesmo xeito, Balseiro Orol considera ofensivo para o sector que o mesmo día que milleiros de persoas reclamaban respostas das Administracións ante a crise que esgana ao conxunto la pesca, o presidente da Xunta viaxe tamén a Madrid, sen reunirse aínda cos representantes do sector, buscando protagonismo mediático con asuntos que a ninguén lle importan máis que ao seu ego desmedido “.
E sorprende que o faga un día despois de admitir, sen rubor algún, que a Xunta non pode –ou non quere- facer nada para superar a crise do sector pesqueiro, acentuada en boa parte polo crecemento constate dos combustibles.
“Máis aló de se a Xunta pode ou non pode facer nada –ten competencias para elo-, o verdadeiro problema de Touriño é que preside un Goberno de mediocres, que son incapaces de reaccionar ante os problemas que van xurdindo”, agrega o deputado popular.
Para o PPdeG tampouco deixa de resultar chamativo que cando se van cumprir tres anos do cambio de Goberno, sexa precisamente hoxe cando a conselleira de Pesca se decidise a efectuar unha rolda de consultas co sector para analizar as dificultades que atravesa.