Santiago, 30 de maio de 2008.- O convenio asinado onte polas conselleiras de Política Territorial e Vivenda confirma que a Xunta vai retrasar máis de catro anos a entrada en servizo do Porto Seco de Monforte, previsto inicialmente para o ano 2006, pero que sufriu sucesivos aprazamentos polos atrancos impostos pola Xunta a este equipamento, deseñado inicialmente polo anterior Executivo do Partido Popular para reactivar a actividade económica da capital da comarca de Lemos.
O deputado e presidente local do PPdeG de Monforte, Dámaso López Rodríguez, apunta que non contenta con retrasar o proxecto, a Xunta reduciu á metade o orzamento autonómico habilitado para executar esta infraestrutura, ao pasar dos 20 millóns de euros contemplados inicialmente a unha achega de tan só 10 millóns de euros.
Para o deputado popular, a sinatura do convenio escenificada onte serviu para confirmar á Xunta de Galicia como o”Goberno do vou facer”, porque leva tres anos anunciando actuacións que nunca é capaz de concretar e vai rematar a lexislatura sen rematar ningunha das grandes obras pendentes.
SEN INICIAR O PLAN SECTORIAL.- Ademais, López Rodríguez recorda que Monforte carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal, para o que precisa dun Plan Sectorial que permita efectuar as recualificacións necesarias para executar o Porto Seco. A día de hoxe, o Concello aínda no iniciou a tramitación do Plan Sectorial, o que unido á parálise que se rexistra no departamento de Urbanismo da Xunta, converte en practicamente imposible de cumprir o prazo de 2010 como horizonte temporal para o remate das obras.
A xuízo do deputado popular, a decisión de outorgar a unha única empresa todo o solo industrial do Porto Seco de Monforte podería levar a este equipamento a unha situación de case-monopolio. Por iso, unha vez coñecidos os detalles do convenio asinado onte, volve cobrar forza a proposta inicial do PPdeG de urbanizar unha superficie maior, de arredor de dous millóns de metros cadrados, para facilitar solo industrial abondo para todas as empresas que desexen instalarse nesta zona e converter así a Monforte na capital loxística de Galicia.
DESCONFIANZA DO PPdeG.- Os populares galegos ollan con desconfianza o anuncio efectuado onte polas conselleiras de Vivenda e de Política Territorial dada a oposición que o Goberno bipartito veu mantendo no que vai de lexislatura ao Porto Seco.
Dámaso López Rodríguez defendeu no Parlamento diferentes iniciativas para reclamar que a Xunta incrementase as partidas económicas asignadas ao Porto Seco de Monforte para adiantar a execución das obras, pero tales propostas foron rexeitadas sistematicamente cos votos en contra dos deputados socialistas e nacionalistas.
De feito, os orzamentos da Xunta de Galicia para 2008 recollen unha única partida de 1098.000 euros para o Porto Seco de Monforte, cando a cifra necesaria rolda o 20 millóns de euros.