Lugo, a 29 de maio de 2008.- O Grupo Provincial do Partido Popular manifestou hoxe en rolda de prensa que os orzamentos da Deputación non axudan a estructurar a provincia, en contra do solicitado reiteradamente polos grupos que sustentan o bigoberno da Deputación.
Para José Manuel Barreiro, que compareceu acompañado do voceiro adxunto José María González Barcia, o bigoberno está deslexitimado para falar de reequilibrio provincial e de dotación de cohesión ó tecido productivo provincial porque ignoran todas as obras comprometidas polo anterior equipo da Deputación, e que servían para ir mellorando as infraestructuras naquelas zonas que máis o necesitaban.
Segundo salientaron dende o GPPP, se se miran os investimentos reais incluidos nas cotas para este ano, non hai nin unha soa obra de novas infraestructuras de comunicación. “É máis, non se concreta, agás en dous casos, a construcción de chan empresarial e temos que salientar que as vías de comunicación e a dotación de chan empresarial son dous aspectos básicos para levar a cabo o reequilibrio territorial e dotar de cohesión á provincia”, explicou Barreiro.
Polo tanto, segundo o voceiro do GPPP, “non existe ningún tipo de compromiso en realizar esas obras e o peor é que non o vai a haber porque así se puxo de manifesto no pleno do martes. Esas obras, que o PP tén perfectamente relacionadas e que contan todas elas con trámites administrativos en marcha, e moitas delas adxudicadas, non se farán, ou se se chegan a facer será en función dos intereses partidistas que poidan estar en xogo”.
Segundo Barreiro, hai obras suxeitas a convenio que non están recollidas nos orzamentos polo que, segundo afirmou, “Besteiro mentiu cando dixo que todo o que estaba sustentado en convenio estaba incluido nos orzamentos”. O voceiro dos populares na Deputación referiuse concretamente os convenios suscritos cos concellos de Palas, Begonte, O Páramo, Saviñao ou Cervo.
Por último, Barreiro asegurou que Besteiro tamén mentiu cando manifestou reiteradamente que non se concedería ningunha subvención sen que se aprobara o Plan Estratéxico a tal efecto. “Tén que explicar entón que vai facer coas subvencións nominativas que aparecen no presuposto e que teñen un montante total de 2.816.183 euros, cifra nada despreciable, e algunha delas con destino a asociacións que pouco ou nada teñen que ver coa provincia de Lugo, como a Mesa pola Normalización Lingüística á que se lle conceden 30.000 euros (importe que é a metade do montante total que lle dan a 20 concellos para a promoción do seu productos típicos)”, indicou.
“Nós entendemos que se hai subvencions para colectivos pouco ou nada vencellados coa provincia, máis motivos haberá para que haxa subvencións para todos”, engadiu.