Santiago, 28 de maio de 2008.- O Grupo Parlamentario Popular reunirase cos diferentes colectivos e organizacións da Ribeira Sacra para explicar o impacto da lei de protección da paisaxe, na medida en que as esixencias e limitacións que a norma pretende impoñer sobre o territorio carecen do necesario soporte financeiro, o que significa que serán os propietarios os que deban soportar en exclusiva todos os custes.
A deputada popular Susana López Abella organizará, en datas próximas, un encontro no que tamén participará o deputado lucense Jaime Castiñeira, con representantes do Grupo Popular na ponencia encargada do trámite parlamentario da lei, para dar conta das emendas ao articulado xa formuladas desde o PPdeG.
López Abella fai un chamamento á cordura de PSOE e BNG para que freen o intento da Consellería de Medio Ambiente que se vai traducir nunha forte penalización económica para todos os propietarios de terreos e para o conxunto dos habitantes da Ribeira Sacra e que habiliten as axudas necesarias.
“Semella que a Xunta quere converter paraxes únicos como a Ribeira Sacra nun parque temático natural e etnográfico financiado en exclusiva polos seus habitantes, pero disfrutado polo conxunto de Galicia e de España”, lamenta a deputada popular.
“Todos compartimos -agrega López Abella- a necesidade de preservar os valores paisaxísticos, ambientais e culturais da comarca, pero todos coincidimos tamén na necesidade de que as normas vaian acompañadas das correspondentes partidas económicas. ¿A alguén se lle ocorre que o Goberno poda poñer en marcha un Parque Nacional se na dotación económica correspondente?”